Nota de Prensa
O GPPP considera que a valoración posterior ás xuntas de goberno da Deputación poñen de manifesto que se fala moito pero que se fai moi pouco
* Os populares suliñan que o PSOE aprobou en solitario o plan de comunidades veciñais do presente ano
Lugo, a 11 de maio de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popoular considera unha perda de tempo as roldas de prensa posteriores ás xuntas de goberno da Deputación, porque nelas fálase moito pero ponse de manifesto que en realidade faise moi pouco”.
Os populares referíronse en concreto á rolda de prensa do pasado venres e indican que resulta sorprendente que o único que teña que dicir D. Antonio Gato sexa que o vindeiro mes de xuño vaise aprobar a relación de subvencións concedidas do plan de comunidades veciñais. Dá a impresión, na opinión do GPPP, que non teñen de que falar e que entón tiran do que sexa para que as roldas de prensa non queden vacías de contido.
Salientan os populares que o que Gato non dixo nesa comparecencia ante os medios de comunicación é que unha empresa presentou un recurso contra a adxudicación da subministración de dous vehículos mixtos de rescate en altura, ou que volvemos a atoparnos con procedementos de validación de facturas con informe desfavorable de intervención, neste caso de 2009 e por importe de 24.360 euros, o que demostra, unha vez máis, que a xestión nin é tan boa como din, nin tan perfecta como pretenden.
Para o GPPP resulta tamén bastante triste que o voceiro dos socialistas na Deputación teña que recordar o que facía ou deixaba de facer o anterior equipo de Deputación, usándoo como disculpa da súa ineptitude política para xestionar os fondos da Deputación, e para tapar o clientelismo e o caciqueo que se traen entre mans co plano de colaboración de comunidades veciñais. Tanto é así que a outra parte do bipartito provincial, o BNG, non votou a favor das bases deste plano no pleno de febreiro do presente ano.