Ribadeo, 1 de setembro de 2020. A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu primeiro concerto deste ano despois de retomar os ensaios en agosto. A actuación, titulada Concerto da normalidade, terá lugar este venres, día 4, as 20:00 horas no campo de herba artificial do colexio ribadense Gregorio Sanz.
O director da Banda de Ribadeo, David Ballester, explica que “despois de retomar os ensaios no mes de agosto tras a situación que vivimos polo covid-19, chegamos á conclusión de que era o momento de seguir como estábamos ata antes de que pasase todo isto. Entón decidimos facer un pequeno concerto este venres, 4 de setembro, ás oito da tarde, que chamamos Concerto da normalidade, no colexio público Gregorio Sanz.”
David Ballester engade que esta actuación “farase no recinto do Gregorio Sanz, no campo de herba artificial, sobre todo porque é un lugar que reúne as características que consideramos, desde a asociación e pola miña parte, idóneas para facer o concerto, xa que hai que gardar certas medidas hixiénicas e sanitarias para garantir a seguridade tanto dos músicos como do público asistente. Levamos desde o 5 de agosto ensaiando no pavillón que nos deixou o Concello sen ningún tipo de problema, tanto desde a Concellería de Cultura como a de Deportes, que nos facilitaron todo o posible para poder levar isto a cabo, e despois do mes de ensaios pensamos que era o momento apropiado.”
En canto ao día elixido para este concerto, Ballester explica que “poderíamos facelo o 8, coincidindo co Día da Patroa, pero desde a asociación pensamos que como houbo xente da Banda que estivo ensaiando nunha situación diferente, asumindo algún risco, xa que non é fácil porque os músicos a gran maioría tocan sen máscara, pensamos que tíñamos que facer o concerto cando a maioría dos músicos estivesen dispoñibles; e esa circunstancia dáse este venres 4, polo cal decidimos facelo este día.”
O director da Banda ribadense avanza que esta actuación “vai ser con obras que van facer un guiño a todos os concertos que uns meses atrás non puidemos facer. Vai haber obras de pasodobres, obras galegas, de bandas sonoras,…, xa que outros anos facíamos concertos das Letras Galegas, do Día da Patria Galega, o festival de bandas, de bandas sonoras, etcétera, que este ano non puidemos facer pola situación na que estamos.”
David Ballester engade que este concerto “faise para se vexa que a Banda volve pouco a pouco a esa normalidade. E de aquí en diante veremos como reestruturamos os concertos xa que agora podemos facelo ao aire libre porque as condicións climáticas o permiten. Pero despois, no inverno, segundo vaia pasando o tempo veremos como evoluciona todo este tema e como podemos solucionar os inconvenientes que teñamos. Pero de todas formas a Banda non vai parar, vai seguir para adiante sexa como sexa e vai haber concertos a partir deste venres en diante. Agardamos que a xente acuda este venres 4 ás oito da tarde ao Gregorio Sanz e é moi importante lembrar que o aforo será limitado, con máscara obrigatoria para os asistentes durante todo o concerto e gardando sempre as medidas hixiénico sanitarias.”