É evidente que a chegada da pandemia derivada do Covid19 mudouno todo. Mesmo a nivel oficial se suspenderon os prazos administrativos. Mais tamén hai cousas que non cambian, nin en Burela nin en Galiza.
Na nosa vila contamos cunha situación política complexa na que dende os grupos municipais debéramos, cando menos, ser conscientes da mesma e actuar con seriedade, responsabilidade e honestidade para o ben da veciñanza. Cando o fixemos, fomos capaces de ofrecerlle ó conxunto de burelás e burelaos un proxecto coma o do Plan Único, aprobado sen votos en contra, con 80.000 euros para gastos derivados do Covid e obras de necesidade e urxencia real para a vila.
Non está a ser a norma xeral. Se consideramos o contrato de limpeza viaria e recollida e xestión do lixo a falta de diálogo do alcalde socialista, Alfredo Llano, tensou unha situación que derivou nun informe de secretaría de claras consecuencias legais. Unha situación ante a que non cabía mais ca responsabilidade. Saiu adiante a concesión dun servizo mais caro pero que polo momento presenta carencias para os veciños.
É inaceptable que se intensifiquen labores de limpeza por lugares mais céntricos e se descoiden outros xa abandonados. Como xa publicamos as queixas veciñais non rematan nunca. E non serve que o señor Llano negue a maior cando lle sacamos o tema. O equipo de goberno ten que traballar no curto, medio e longo prazo para revertila situación e non pode subilos impostos. Pero sobre todo parécenos vergoñento que se requira a colaboración de todo un pobo que xa paga os servizos mais caros do seu entorno no medio dun reportaxe fotográfico do mais eludible. Moita Burela Bonita pero a maleza inunda beirarrúas, os solares que foron rozados deixan ó descuberto todo tipo de lixo, que tamén se acumula arredor dos contedores.
Pola outra banda, un partido popular descontrolado, obsesionado con responsabilizar ó BNG de case todo, polo simple feito de non seguilos seus plans. E eses non eran outros que traer para Burela o lamentable espectáculo que vemos en concellos coma Catoira, Castrelo de Miño, Viana do Bolo ou San Xoán do Río. Por iso gastan mais esforzos en fiscalizar as nosas posturas e votacións que no traballo como representantes electos pola veciñanza. Acúsannos de facilitar ese contrato do lixo pero o seu portavoz pretendía non votar a proposta de alcaldía porque sabía que a responsable era a nosa postura.
Teñen un problema: que non somos todos iguais. Ante un accidente do camión do lixo uns interesámonos personalmente pola integridade dos traballadores e outros fixeron brincadeiras de moi mal gusto nas redes sociais. Ante as mentiras e acusacións do Presidente da Xunta en pleno rebrote, nos defendimos o noso pobo pero eles atacaron personalmente a un que escribe para salvar a cara do seu amado líder.
No PP poden estar tranquilos, no BNG non nos martirizamos…senón que traballamos. Tentamos facelo con seriedade, honestidade e responsabilidade. Analizamos, posicionámonos e argumentamos. A nos o que nos move son a Xustiza, a Liberdade e a Democracia. Unha lástima que percibamos que os outros grupos da corporación, tamén o do PSOE, ven mais útil tirar de medias verdades (cando non mentiras) para non moverse nin un milímetro da súa posición.
Queda por diante moito mandato, nese tempo os grupos políticos temos que dalo mellor de nós para sacar esta vila adiante. Pola nosa parte empregaremos sempre o diálogo, pero deixamos claro que nós tomamos as nosas propias decisións e posicións, según as nosas ideas e o interese da xente do común. Así traballamos no BNG, cando triplicamos votos pero tamén se nos quedamos cun so representante.
AÍNDA SEGUIMOS AQUÍ, A ATURAR TEMPESTADES DE SAL!
Mario Pillado Mon
Portavoz Municipal do BNG en Burela