Santiago, 19 de agosto , 2020. O BNG insta á conselleira de Educación a explicar as medidas previstas polo goberno ante o inicio dun curso escolar marcado polas consecuencias da COVID 19. Nesta liña, o portavoz de educación do grupo parlamentario nacionalista, Manu Lourenzo anunciou a solicitude do BNG para que titular de educación compareza no Parlamento galego, de maneira urxente, para dar resposta ás demandas dos representantes do profesorado, ás familias e o propio estudantado.
A día de hoxe, dixo, carecemos de “certezas e medidas” que garantan a seguridade no inicio do curso escolar e a situación derivada polo incremento de casos da COVID fai necesario que a consellería de Educación escoite á comunidade educativa. Lourenzo criticou o “desleixo” do goberno galego na loitar contra a pandemia e pediu que tome decisións ante o incremento dos contaxios.
Na comparecencia ante os medios de comunicación, Lourenzo explicou que a Xunta non anunciou “ningunha partida de novo investimento nin medida para fortalecer á comunidade educativa”. Lonxe de actuar como goberno, estamos ante “un sainete intolerable” cun “presidente desaparecido, unha conselleira incapaz de escoitar á comunidade educativa para consensuar un protocolo e un conselleiro de Sanidade que renuncia as súas competencias”. O goberno galego, recalcou o nacionalista, debe actuar e deixar de “botar balóns fóra responsabilizando a outras administracións”. Para o deputado do BNG, estamos ante un escenario que exixe “a máxima responsabilidade e contundencia”.
As familias non poden ser obrigadas a escoller entre o dereito á saúde e o dereito á educación
O sistema educativo galego, explicou o deputado nacionalista precisa dun “goberno responsable” que priorice “un protocolo consensuado coa comunidade educativa” para garantir seguridade ao o estudantado. Isto non será posible, advertiu coa política de “custe cero de Feixóo” polo que volveu a reclamar a contratación de máis persoal e atender as demandas sobre transporte e conciliación. “As familias galegas non poden ser obrigadas a escoller entre o dereito á saúde e o dereito á educación”.
Son momentos de estar á altura, reafirmou Lourenzo e “Feixóo, o conselleiro de sanidade e a conselleira de Educación deben asumir as súas responsabilidades”. O problema non se resolve coa entrega de tres ordenadores por aula nin abrumando con burocracia ao colectivo educativo, a situación resolvese “con máis investimento, un protocolo claro, e un goberno que aposte pola sanidade pública e a educación pública”.
A vindeira semana , a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e o portavoz de educación, Manu Lourenzo manterán unha xuntanza con representantes do profesorado, familias e colectivos de estudantes para abordar un protocolo que garanta as funcións do sistema educativo con seguridade.