Viveiro, 19 de agosto de 2020. O Concello de Viveiro lembra á veciñanza que o vindeiro domingo, 23 de agosto, remataba en principio o prazo para solicitar as axudas para o impulso da actividade económica local, ás que se destinan un total de 400.000 euros e nas que se establece un importe de 850 euros por cada beneficiario.
Tendo en conta que o último día de prazo é inhábil e que polo tanto se prorroga ao seguinte día hábil, sendo festivo local o 24 de agosto, o último día de prazo para a solicitude destas axudas é o martes, 25 de agosto.
A día de hoxe, o Concello de Viveiro recibiu un total de 353 solicitudes para optar a estas axudas, destinadas a autónomos, microempresas, pequenas empresas, comunidades de bens, sociedades civís ou entidades económicas empresariais sen personalidade xurídica, obrigados a suspender a actividade pola pandemia.
Dende o goberno local valórase positivamente a gran cantidade de solicitudes presentadas, entendendo que esta cifra vén a avalar o Plan de reactivación económica posto en marcha polo Concello de Viveiro, en virtude do acordo asinado entre o goberno municipal e o grupo Por Viveiro, co obxectivo de minimizar o impacto social e económico provocado pola pandemia do COVID-19.