A Mariña, 16 de agosto, 2020. Diante do inicio do próximo curso escolar 2020-2021, con todas as incertezas sanitarias e todos os riscos de contaxio e enfermidade que todas temos na mente, as ANPAS GALEGAS defendemos que a volta ás aulas debera ser presencial para todo o alumnado galego, con todas as seguridades e reforzos que as nosas fillas e fillos merecen e precisan por suposto; e defendémolo por unha serie de razóns, todas elas baseadas nun principio moi coñecido e admitido, a Escola non é unha academia de contidos, non é só un lugar de formación formal, a escola, e máis aínda a escola pública, cumpre outras funcións imprescindíbeis na educación da xente moza:
– É garantía de igualdade, de tratamento uniforme a todas as nenas e nenos, independentemente da súas capacidades económicas, sociais ou familiares. É o principal elemento nivelador do noso sistema social, o que permite que todas inicien a carreira da vida coas mesmas oportunidades e –así debera ser- cos apoios individuais que lles posibiliten continuar ao mesmo nivel que as súas compañeiras.
– É o lugar onde se pode vivir a diversidade, porque se favorece e se propicia, e porque se forma a todas as demais no respecto ao outro-a; e non só a nivel teórico, é a simple convivencia coa diversidade a que normaliza e educa no seu respecto.
– Corrixe de xeito natural as discriminacións que a sociedade provoca, ao enfrontar ás nenas e nenos a un obxectivo e uns retos comúns e iguais para todas.
– Fornece á rapazada do imprescindíbel acompañamento social entre iguais que nunca poderán ter nas súas casas, porque as persoas precisamos contactar e convivir con outras persoas distintas, coñecer a outra xente, tecer lazos con outros grupos; todo iso dáo o Ensino Público.
– Posibilita a aprendizaxe fóra da familia, o que implica a entrada de novos xeitos de ver o mundo, o coñecemento doutras maneiras de interpretar a realidade, ou sinxelamente o descubrimento de novas realidades que complementan a propia.
– É, e disto sabemos moito logo do confinamento pasado, a única seguranza que podemos ter de que a aprendizaxe das nenas e nenos galegos está totalmente garantida é un retorno presencial ás aulas. O confinamento tróuxonos tantas aprendizaxes como persoas aprendendo, acompañando ou participando; e trouxo tamén moitas inseguridades e moitos abandonos. Houbo moita xente que quedou descolgada, máis quizais das que puideron seguir o ritmo. Non queremos que volva a pasar isto.
Pero isto non quere dicir que queiramos esa volta presencial a calquera prezo, nin tan sequera que non contemplemos que o regreso poida ser doutra maneira, non presencial, que corrixa no posíbel os erros do confinamento, e que dea a maior cobertura que se poida aos outros valores que a non presencialidade dificulta.
A volta ás clases pode ser virtual, total ou parcialmente, pero necesitamos ter a seguridade de que non vai haber alumnado de diferentes velocidades, e esa certeza só poderemos tela se o tratamento é homoxéneo para todas as crianzas galegas; salvando sempre aquelas situacións de enfermidade manifesta ou risco evidente que merecen un tratamento diferenzado.
Non hai liberdade na escolla de opcións individuais que favorecen o tratamento desigual, e que poden provocar un desigual punto de partida nun futuro normalizado. Non hai liberdade cando a escolla se basea na dispoñibilidade de medios materiais que outra xente non poida ter.
A loita, sempre, e moito máis agora, ten que ser sempre pola sociedade, polo grupo, todas as nenas e nenos teñen dereito a un Ensino Público Galego de calidade, agora temos outra verba que engadir: teñen dereito a un Ensino seguro.
Por iso, o que nós defendemos non é crear excepcións que nos fagan retroceder nos logros da equidade, senón traballar para que todas as nenas e nenos galegas sexan atendidas, formadas e educadas, nas mesmas condicións, cos mesmos medios, e coa mesma atención, nas casas, ou nas aulas, pero todas da mesma maneira e no mesmo momento.
Para logo sermos iguais, non é iso o que pretendemos todas?
–
Confederación ANPAS GALEGAS