Lugo, 15 de agosto 2020. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informa de que a Deputación de Lugo abriu un banco de imaxes da provincia de acceso libre e gratuíto para todos os concellos, empresas, entidades ou calquera persoa interesada. Son un total de 48 imaxes dos catro xeodestinos de Lugo: A Mariña, Ancares-Courel, Lugo-Terra Chá e Ribeira Sacra.
García Porto sinala que “con este banco de imaxes ofrecemos a todas aquelas persoas, entidades públicas ou privadas e a medios de comunicación un contido único e de calidade que poderán utilizar para o seu uso comercial ou persoal”. A institución provincial convértese nunha fonte oficial para a distribución de fotografías da provincia de Lugo destinadas á promoción turística e a reforzar a imaxe do territorio lucense.
“Son fotografías gratuítas que responden aos máis altos estándares de calidade, que poderán usar todas aquelas persoas interesadas para o fin que consideren. Nós queremos facilitarlle o traballo diario a moitas organizacións, locais de hostalería ou pequenos autónomos, entre outros, para poder enriquecer os seus contidos en redes sociais ou en publicacións”, explica a Deputada.
As persoas interesadas en facer uso das imaxes da provincia deben cubrir un formulario que poden atopar na web de Turismo da Deputación (http://turismo.deputacionlugo.gal/) e envialo ao correo electrónico turismo@deputacionlugo.org indicando que fotografías se desexan empregar no proxecto. Unha vez recibido o correo o servizo valorará a proposta e enviaranse as imaxes en máxima calidade e sen marca de auga.
Dixitalización
Pilar García Porto subliña que este é un paso máis para a dixitalización da información turística da provincia de Lugo na que a Deputación está a traballar co fin de promover o turismo a través das novas tecnoloxías.
A titular de Turismo recordou que nos pasados días xa se informou a todos os alcaldes e alcaldesas da provincia de que se puxeron á súa disposición os contidos da aplicación Inventrip e fixéronselles chegar carteis con códigos QR que enlazan con información sobre os principais recursos da provincia. Esta iniciativa forma parte do compromiso da institución por colaborar e cooperar cos concellos para mellorar a satisfacción do visitante, ser un destino sostible e mellorar a xestión dos recursos e a oferta do conxunto do territorio na actual crise sanitaria.