Lugo, 4 de agosto. O BNG apoiou aos traballadores de Alcoa e das auxiliares nun día decisivo nas negociacións entre os representantes sindicais e a multinacional estadounidense que, á espera do que suceda na reunión aínda en marcha, puxo este martes 4 de agosto como data final do período de consultas dun Ere que afecta a preto de 1000 obreiros do complexo de San Cibrao.
Representantes institucionais e orgánicos da formación nacionalista acompañaron aos traballadores concentrados na área recreativa dos Robles para arroupar aos membros do comité de empresa que manteñen as negociacións coa multinacional; entre elas, Olalla Rodil e Daniel Castro, parlamentarios electos por Lugo, Maite Ferreiro, deputada provincial e vicepresidenta da Deputación de Lugo, Ana Ermida, responsable comarcal da Mariña e alcaldesa de Barreiros, así como outros concelleiros e concelleiras do BNG na comarca.
O BNG mantén que a solución para manter os postos de traballo e a produción de aluminio na Mariña é a intervención pública de Alcoa, que teima en parar as cubas de electrolise do complexo. “Non se pode permitir que unha multinacional xogue así co futuro dunha comarca e do país”, sinalou Olalla Rodil que critica que o “goberno do Estado siga de perfil, parapetado agora na opción dun comprador”.
Na mesma liña, a responsable comarcal Ana Ermida remarcou “a necesidade de que o Goberno central e a Xunta se amosen firmes e decididos fronte á Alcoa para lograr unha solución para unha industria fundamental para a Mariña”.