Burela, 3 de agosto, 2020. A hispano-brasileira Daniela Domingos tamén continuará no Pescados Rubén Burela FS. Coa pivote, que defenderá a escuadra laranxa por sétima campaña, xa son catro as campioas de liga que volverán pelexar por todo desde A Mariña, xunto á tamén renovada Bea Mateos e Jozi e Peque, con contrato en vigor.
“Empezamos un novo reto coa gran responsabilidade de vir de gañar a liga. Seguiremos traballando duro para que o título volva quedar en Burela. Temos un gran grupo con incorporacións que nos van axudar moito para realizar un bo ano e seguir dando alegrías ao club e á afección” explicaba a 3 burelista.
“Imos traballar sen descanso para ser o mellor equipo de España” aseguraba Dany, desexando que o balón volva rodar en Vista Alegre, co inicio de liga o 5 de setembro: “Estou moi motivada, con ganas de que a competición empece e disposta a deixalo todo para axudar o equipo”, explicaba a burelista, lonxe do seu Sao Paulo natal nestes meses tan complicados e a tan só unha semana de comezar coa pretempada: “Sigo vivindo esta situación con moita precaución e coidado. Falo a diario coa miña familia de Sao Paulo. Son uns momentos nos que debemos apelar á responsabilidade de todos. Non viaxei ao Brasil por este motivo, pola miña saúde e a da miña familia; aquí tamén teño familia e non quixen expoñernos máis ao perigo. Tan só agardo que saiamos de todo isto axiña” concluía a laranxa.