Viveiro, 3 de agosto, 2020. O BNG de Viveiro presenta para o vindeiro pleno do 4 de agosto o seguiente:
Moción:
Moción para dar solución e seguridade ás bicicletas na que se propón a creación de ciclorúas, dotar de aparcabicicletas os lugares públicos e de gran afluencia, permitir amarrar libremente as bicicletas e patíns en farolas e árbores sempre e cando non dificulte a mobilidade peonil, pintar zonas avanzadas de espera para ciclistas nos semáforos, crear unha comisión de seguemento e estudo co fin de seguir ampliando o rol da bicicleta e promover campañas de sensibilización e apoio ao medio ciclábel.
Rogos e preguntas:
Solicitamos información sobre a titularidade das pistas multideporte existentes no concello para realizar as xestións necesarias para o seu uso e desfrute veciñal, tales como cesións e o mantemento necesario para podelas utilizar. Tamén nos interesamos polas embarcacións de vela lixeira que hai no antigo Casino, podendo servir para pór en marcha unha Escola Municipal de Vela e o alugueiro destas embarcacións á veciñanza.
Pedimos que se realicen as melloras medioambientais necesarias no paseo fluvial do río Landro pola existencia de varios puntos de vertido de augas residuais, como tamén a eliminación de especies foráneas e invasoras que ameazan a biodiversidade deste espazo de especial conservación.
É unha necesidade contar co persoal das áreas máis importantes nestes momentos nas cales existe unha falta de persoal moi importante con prazas sen cubrir. Insistimos en que se inicie de forma inmediata o proceso de contratación nas áreas municipais que son clave para poñer en marcha e executar con axilidade as medidas que se aprobaron dentro do plan de reactivación da economía local.
O Concello non está dando cumprimento da normativa de promoción e normalización lingüística, polo que solicitamos que se cumpra a normativa vixente en materia lingüísitca, lembrando da existencia dun Servizo de Asesoramento Lingüístico aos Concellos (SALC) dependente da área de Cultura da Deputación de Lugo.