Viveiro, 10 de xullo, 2020. O BNG de Viveiro destaca un novo incumprimento da moción aprobada en sesión plenaria do 2 de outubro, onde todos os partidos que forman a Corporación Municipal de Viveiro acordaron colocar propoganda electoral exclusivamente nos paneis habilitados e luminarias do concello. Anteriormente saltárase o acordado o PSOE, desta volta, é o PP de Feixóo colocando pancartas fóra dos lugares habilitados, como pontes, verxas, etc.
Semella que no PP andan nerviosos e saben que as enquisas non son favorables, xa que as tendencias apuntan unha notable subida do BNG coa gran posibilidade de termos a primeira presidenta da Xunta de Galiza. Por isto, o PP en Viveiro lanza unha campaña meramente propagandística, saltándose incluso as propias normas establecidas sobre os lugares habilitados para este fin, ou repartindo publicidade en man, cando o resto de partidos que se presentan cancelaron a campaña polo rebrote tan activo que está haber na Mariña. Xa quedou clara esta actitude de Feixóo obrigando a celebrar unhas votacións cunha participación condicionada por motivos sanitarios.
Bermudez recordou os incumprimentos de Feixóo con Viveiro nos últimos 11 anos: “Para Feixóo, en Viveiro hai 13.000 votantes (por censo electoral) e non 16.000 persoas, chegan con anuncios e moita propaganda para captar votos, pero a veciñanza sabe que a realidade é máis dunha década sen saneamento da Ría, 20 anos dende que Feixóo anunciou a chegada da variante de Viveiro, dunha fachada marítima incompleta, de abandono do rural… E para rematar, mira para outro lado ante o desmantelamento industrial e a crise do COVID.”
Por outra banda, Bermudez dí: “a política propagandística do PP non vai evitar que Ana Pontón sexa a nosa presidenta, xa que o voto ao BNG é un voto seguro para a veciñanza de Viveiro. Temos que conquistar o futuro, porque non podemos deixar que nolo sigan roubando. A diferencia do candidato do PP, Pontón comprometeuse a dar sempre a cara cando haxa problemas. Este país non se merece un presidente irresponsable que actúa con cálculo electoralista mesmo poñendo en risco a saúde das persoas como está pasando co rebrote da Mariña.”