A MARIÑA .- Os establecementos de turismo rural Finca O Bizarro de Trabada, Mi Norte de Ribadeo, Anatur de Viveiro, Casa do Mudo de Cervo, A Casa de Piego de Foz, Finca O Remanso de Mondoñedo, Areal de Viveiro, Finca Goleta de Foz e Casa Do Merlo de Barreiros acollen esta fin de semana a 110 mozos e mozas por medio do programa Xuventur da secretaría xeral para o Turismo e a dirección xeral de xuventude da Xunta de Galicia. A iniciativa, que pretende desestacionalizar a actividade turística, inclúe un completo programa de ocio e ten un custo de entre 75 e 100 euros por praza
Nota de Prensa
17 CASAS DE TURISMO RURAL DA MARIÑA E ANCARES ACOLLEN A PRETO DE 200 MOZOS E MOZAS NA PRIMEIRA FIN DE SEMANA DO PROGRAMA XUVENTUR
* A iniciativa, que pretende desestacionalizar a actividade turística, inclúe un completo programa de ocio e ten un custo de entre 75 e 100 euros por praza
Lugo, 30 de abril de 2010.- 180 mozos e mozas de entre 18 e 35 anos inauguran esta fin de semana o programa Xuventur na provincia de Lugo, en concreto en casas de turismo rural da Mariña e dos Ancares.
A iniciativa, que desenvolven a Secretaría Xeral para o Turismo e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, rexistrou 110 participantes na Mariña e 70 nos Ancares, que disfrutarán dun completo programa que inclúe aloxamento e manutención así como actividades de turismo activo, como clases de iniciación á escalada e ao rápel, roteiros en bicicleta, piragüismo, sendeirismo e iniciación á orientación na montaña.
Os establecementos que participan neste proxecto son os de Finca o Bizarro (Trabada) Mi Norte (Ribadeo), Anatur (Viveiro), Casa do Mudo (Cervo), A Casa de Piego (Foz), Finca O Remanso (Mondoñedo), Areal (Viveiro), Finca Goleta (Foz) e Casa Do Merlo (Barreiros) na costa e Aira de Ancares, Hotel Pontes de Gatín, Casas Solariega de Cervantes, Casa O Crego, Hotel Suarna, Cantina Mustallar, Hotel Piornedo e Campo da Braña nos Ancares.
En toda Galicia
O programa Xuventur desenvólvese nas casa de turismo rural galegas durante as fins de semana dos meses de abril, maio e xuño -excluída a Semana Santa- e inclúe o aloxamento as noites do venres e sábado e manutención –o venres cea, sábado manutención completa e o domingo almorzo-.
Tamén está incluído o programa de actividades de turismo activo e o material preciso para o seu desenvolvemento. No suposto de que faga mal tempo, desenvolveranse actividades alternativas. O custo por cada praza é de 100 euros (75 € co carné xove), o que significa que os prezos son entre un 50 e un 60% máis baratos que si se contratan directamente ao marxe do programa.
No total de Galicia neste programa participan 106 establecementos rurais, situados en 67 concellos galegos. As condicións do mesmo foron pactadas en colaboración con 15 asociacións de turismo rural. Tamén participan na iniciativa 13 empresas de turismo activo, que son as encargadas de elaborar o programa de actividades de ocio e tempo libre.
En total haberá 1.496 prazas dispoñibles e o programa durará 11 fins de semana. Co respecto ao número de prazas, este ano incrementáronse en 500 con respecto ás cifras que se barallaron o ano anterior, xa que se logrou sumar 50 establecementos máis a este campaña.
A Xunta de Galicia programou trece programas diferentes, dependendo da comarca onde se desenvolva Xuventur, que comprenden actividades como bodyboard e skibus, cabullería, sendeirismo, piragüismo, paintball, tiro con arco, escalada, rutas en btt, rutas dacabalo, orientación, canoas, tiro con arco, visitas guiadas e culturais, descenso en kaiak, surf, padelboard, espeleoloxía, iniciación á escalada e rápel, xogo de rol en vivo dramatizado, carreiras de orientación con gps deportivo…