Nun afastado país existiu fai moitos anos unha ovella moura. Foi fusilada. Un século despois, o rabaño arrepentido levantoulle unha estatua ecuestre, si ecuestre pois puxeron a ovella moura encima dun cabalo grande e garboso, que quedou moi ben no parque da vila.
Así, en diante, cada vez que aparecían ovellas mouras eran rapidamente pasadas polas armas para que futuras xeracións de ovellas comúns e correntes puidesen exercitarse tamén na escultura. Isto escribiuno Augusto Monterroso, 1921-2003, pero segue estando de plena actualidade aquí nesta terra nordesía situada ó noroeste da Península Ibérica, que segue a limitar ó norte con Irlanda, mar Cantábrico por medio.
Tamén cadra moi ben a este tempo e a este lugar aquel outro do burro e da frauta, Gústame o Burro e a frauta: Creo que fala dun tema fundamental, o medo a ir máis aló e crear cousas maravillosas… Tirada no campo estaba desde facía tempo unha Frauta que xa ninguén tocaba, ata que un día un Burro que paseaba por aí resoplóu forte sobre ela facéndoa producir o son máis doce da súa vida, é dicir, da vida do Burro e da Frauta. Incapaces de comprender o que pasara, pois a racionalidade non era o seu forte e ambos crían na racionalidade, separáronse presurosos, avergoñados do mellor que o un e o outro fixeran durante a súa triste existencia.
E de cando en cando saen nos papeis algún dos seus múltiples partos de montes; con luz e taquígrafos, falando de remodelacións culturais, coa camarilla dos de sempre e como sempre, eses que pouco ou nada fixeron pola cultura do lugar ó longo de todos estes anos, volven saír como dirixentes de novas ideas de vulgar mercadotecnia só para as fotos, pois os resultados tangentes fai xa moitos anos que nin asoman por casualidade. (Véxase o conto do burro, tocou a frauta por casualidade), pero nin por esas.
Señoras-es: a cultura e a arte, para os que a sentimos non ten nada que ver coas súas atrasadas mentes anquilosadas en conceptos en desuso e menos coas súas reparticións do pastel, nas súas montaxes de “amiguitos da alma”…
O máis que vemos os pobres mortais, son grandes edificios , en Viveiro temos case unha ducia , normalmente feos por fóra e baleiros de contido por dentro, e como dixeron algún dos cargos políticos locais . Para facer cultura vestímonos tódalas auitoridades de entroido e facemos unha festa e feira renacentista, eu de Doña Urraca, tu de CarlosV de Alemania, o outro de romano, e aquel de tonto do pobo, na súa demostrada falta de coñecementos non se cortan nin un pelo:
A arte e as exposicións ós colectores. Achegalo ós cidadáns nos espazos públicos ou privados de uso publico penalízase nesta cidade ,baixo calquera pretexto, aínda que tales comportamentos considérense vergoñosos e ilegais en calquera parte do mundo.
Esta triste cidade -na que a converteron-; tan amiga do cemento e tan pouco aberta á arte e a cultura, para que palpite coa cidadanía e á súa vez avance no desenvolvemento intelectual colectivo e persoal dos seus habitantes.
É patético que políticos e achegados prohiban a cultura en liberdade e nos de a tabarra con festas mediavales-renacentistas e demais caralladas , o que no fondo son chucharías de quiosco, bendicidas con ampulosas palabras.
Sigamos no aburrimento xeneralizado, que a todos os que comen do pastel xa os temos moi vistos e calados e desde logo que moita alegría non nos dan e menos podemos dicir que destilen innovación ou simplemente deixen escapar unha bocanada de aire fresco.
Otero Regal