Muras, 27 de xuño de 2020. A cabeza de lista do BNG ao Parlamento galego, Olalla Rodil, visitou este sábado Muras, un “concello marca BNG” que puxo como exemplo da “xestión enerxética que aplicaremos a partir do 12 de xullo para construír unha nova Galiza”.
Coa chegada ao goberno local do nacionalista Manuel Requeijo en 2015, o concello do Xistral converteuse no primeiro de Galiza en asumir parte do pago do recibo da luz da veciñanza cos impostos procedentes dos parques eólicos, un modelo que o BNG extendeu este mes de maio ao Valadouro ao impulsar unha liña de axudas co mesmo obxectivo.
“Cando o BNG goberna poñemos os recursos enerxéticos e a capacidade produtiva do país ao servizo da veciñanza. A mesma vontade que tivo o equipo do BNG de Muras e o grupo municipal do BNG no Valadouro será a que teña Ana Pontón a partir do 12 de xullo”, argumentou Olalla Rodil, acompañada por todos os candidatos da Mariña ao Parlamento galego e alcaldes e edís da formación na comarca.
Olalla Rodil afirmou que “o goberno da Xunta de Galiza con Ana Pontón á cabeza traballará tamén para conseguir unha tarifa eléctrica galega, que permita reducir o prezo da enerxía e compensar o impacto ecolóxico e medioambiental que ten a produción de enerxía neste país, non só nos eólicos se non tamén na auga ancorada”, engadiu Rodil.
“Unha tarifa eléctrica galega axudaría a desenvolver economicamente o país, favorecendo prezos da enerxía máis reducidos para actividades como a produción de aluminio, agora ameazada por Alcoa, pero tamén para as familias”, expuxo a candidata nacionalista no praza do Viveiró.
Unha tarifa eléctrica galega, que reduza as peaxes do transporte de enerxía para compensar o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción, é un dos eixos centrais do programa do BNG en materia de enerxía e desenvolvemento dos sectores produtivos. Neste ámbito a formación nacionalista aposta na promoción das enerxías renovables. En particular, en relación á enerxía eólica propón desenvolver e aproban un novo Plan Sectorial Eólico e vincular a estratexia eólica ao desenvolvemento económico impulsando a participación pública da Xunta e dos concellos galegos nos beneficios do sector.