A Mariña, xoves 18 de xuño 2020. O BNG convoca este venres ás 20:00 en Viveiro o primeiro dun dos numerosos actos nos que as candidatas e candidatos mariñaos Miriam Bermúdez, Daniel Castro, Andrea Martíns, Diego Fernández e Marco López e tamén Olalla Rodil, Néstor Rego e Ana Pontón percorrerán os concellos da comarca co obxecto de que a partir do 12 de xullo A Mariña poida ser dona do seu futuro. O acto de Viveiro terá lugar nos Xardíns Noriega Varela, e intervirán no mesmo Ana Ermida, responsable comarcal do Bng, Miriam Bermúdez, concelleira en Viveiro e candidata nº 7 ao Parlamento, Daniel Castro, candidato nº 2 e Néstor Rego, deputado no Congreso, mariñao, e que desde o mes de novembro en que tomou posesión foi quen levou á tribuna das Cortes os problemas da Mariña e de Galiza. É o primeiro acto público en Galiza no que participa Néstor Rego despois do seu confinamento de mais de tres meses en Madrid.
Apoio do BNG á manifestación FUTURO PARA A MARIÑA do luns 22
Na xuntanza celebrada pola dirección comarcal do BNG mariñao esta semana acordouse tamén mostrar o apoio á manifestación que para o luns 22 de xuño ás 20:00 e baixo o lema FUTURO PARA A MARIÑA e en defensa das infraestruturas, a industrialización, a sanidade e os servizos públicos convocan os sindicatos en Burela, acordando tamén convidar á participación masiva na mesma, dada a situación de emerxencia que está a vivir a comarca nos últimos tempos, despois dunha década na que o desemprego avanzou a pasos axigantados sen que o goberno da Xunta artellase ningunha medida para paliar a sangría económica que eso supuxo, tal como lle demandou o Bng en innumerables ocasións. Situación agravada agora mesmo polo anuncio de despidos en Alcoa e nas empresas auxiliares, que están nunha situación se cabe ainda mais delicada, situacións ante as cales nin o PP na Xunta nin o Psoe no goberno do Estado son capaces de tomar a decisión de intervir e nacionalizar esta factoría, que é a solución.