Cervo, 10 de xuño de 2020. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, amosouse “sumamente preocupado” ante o devir dos acontecementos en relación ao anuncio de peche da fábrica de aluminio por parte da multinacional Alcoa.
Villares apunta que as informacións que foron transcendendo nos últimos días “énchennos de maior incerteza se cabe, pero non podemos deixar de perder a esperanza”. O único que queremos –engade- é que se siga a producir aluminio na Mariña, con independencia da empresa que estea, e a solución segue a ser a mesma que levamos reclamando todos –sindicatos, cidadanía, administracións- este último ano e medio: un estatuto que garanta un prezo da enerxía que faga que a nosa industria sexa competitiva no marco europeo.
En todo este tempo, o Goberno non deu a coñecer ningún documento, e agora, fai dúas semanas Alcoa anunciou o peche. Iniciou un camiño que todos agardamos que se poida retornar; é cuestión de vontade e de feitos; precisa.
Neste sentido Villares recorda que A Mariña viña recibindo do Estado 90 millóns de euros que compensaban o prezo da enerxía, e que nestes dous últimos anos -2018 e 2019- o Goberno limitou a tan só 20 millóns. O rexedor pregúntase para onde foron eses cartos que se escaparon da Mariña e que garantían a viabilidade da nosa industria?
E por que neste ano e medio non aprobou o Estatuto Electrointensivo que é primordial para a nosa industria?
Por que neste tempo non deu ningún paso para poder solucionar este problema que todos viamos que se nos viña enriba?
Son cuestións –engade- que poño enriba da mesa ás que non lles atopo unha explicación razoable e que son claves para poder salvar A Mariña. Desgraciadamente, xa estamos na conta atrás –precisa- pero o Goberno aínda está a tempo de reverter esta situación agónica para toda unha comarca; a aprobación dese marco enerxético estable é clave para poder ter un futuro.