Burela, 10 de xuño de 2020. A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, amósase satisfeita polas bandeiras azuis que conseguiron as praias de O Portelo, Ril e A Marosa, o Centro de Educación Medio Ambiental Gaia e o barco museo Reina del Carmen e o sendeiro azul, que renovou tamén, a Ruta do Litoral Burelés. A edil burelesa subliña o compromiso do equipo de goberno para manter e mellorar a calidade ambiental e os servizos que se prestan nos areais e insta á veciñanza a que actúe con responsabilidade.
Para Toñi Eijo “estes recoñecementos, distincións ou galardóns veñen poñer en valor unha vez máis a este municipio no contexto comarcal, provincial, autonómico, nacional e internacional, como punto de referencia na protección e educación ambiental, na calidade da prestación de servizos nos seus areais e no desenvolvemento sostible do sector turístico a través de prácticas que fomentan o coidado do medio ambiente”.
A edil burelesa dixo que “sen prexuízo do anterior, o Concello de Burela, con carácter xeral, e de xeito particular eu mesma, como concelleira de Medio Ambiente, asumimos o compromiso de manter e mellorar a calidade ambiental e a dos servizos dos areais do noso termo municipal, así como de seguir promovendo e controlando a seguridade e a hixiene no seu goce e desfrute, nun contexto tan complexo como o actual, onde deben prevalecer o interese superior da saúde pública sobre calquera outro, para afrontar con garantías a transición cara a nova normalidade, no marco do emerxencia sanitaria provocada polo Covid-19”.
A concelleira de Medio Ambiente instan novamente “ás persoas usuarias das praias do noso municipio, a que actúen con responsabilidade á hora de permanecer e desfrutar dos nosos areais, así como á hora de utilizar as súas instalacións e servizos, cumprindo escrupulosamente as concretas medidas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social impostas polas autoridades sanitarias”.
Toñi Eijo agradece “a Adeac, e ao xurado internacional Bandeira Azul, as distincións outorgadas a este Concello, así como tamén agradecer ao persoal desta administración local (socorristas, Protección Civil, Policía Local, monitoras do Centro de Educación Medio Ambiental Gaia, responsable do barco museo Reina del Carmen…), a toda a veciñanza e a todas as persoas que nos visitan acotío, o seu compromiso e o seu bo actuar, para manter, non só os galardóns referidos, senón tamén a calidade das nosas praias”.