Lugo, 8 de xuño de 2020. A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Patricia Otero e o Viceportavoz do Grupo Socialista, Luís Álvarez denunciaron, este luns, “a insensibilidade social do Goberno do PP coas familias afectadas por mor do peche dos centros de dia. Feijóo ten presa por convocar eleccións, pero non para abrir estas dependencias”. A maioría delas son centros terapéuticos especializados para enfermidades como alzhéimer, autismo ou de capacidades diferentes.
Otero criticou que “o Goberno de Feijóo é incapaz de establecer un protocolo seguro para apertura destes centros, pero é capaz de convocar eleccións, para iso si que ten estratexias políticas. Os lucenses poden ir a praia, aos centros comerciais e a xantar nun restaurante, pero as familias e os usuarios dos centros de dia, algún deles para enfermidades ou con capacidades diferentes, non poden utilizar estes centros, nin tampouco poden visitar aos usuarios que xa están dentro da residencia”, lamentou.
A secretaria provincial dixo que esta situación esta sendo moi criticada polos profesionais do sector. “As familias están indignadas e tamén os colectivos do sector que alertan do drama e da situación irreversible que supón este peche, durante tanto tempo, máxime, despois de pasar o confinamento”, insistiu.
Patricia Otero fíxose eco tamén das queixas da Plataforma de Centros de Día de Galicia, que foi a primeira entidade en dar a voz de alarma, xa que denunciaron que “agardar ata setembro é inadmisible e atenta contra os dereitos máis elementais das persoas”. E proseguiu “nos entendemos que é unha obriga do Goberno de Feijóo, e tamén un dereito por parte dos usuarios e das súas familias abrir os centros de dia da provincia de Lugo e de Galicia con tódalas garantías sanitarias”, insistiu.
Luís Álvarez dixo “estamos diante dun retroceso social sen precedentes, que non podemos nin debemos consentir. Este goberno conservador non foi quen de garantir o benestar e a calidade de vida nin dos nosos maiores nin da nosa sociedade no seu conxunto. Fronte a crise sanitaria e social máis grave da nosa historia democrática, a pandemia do COVID-19, o descalabro do sistema de asistencia social en Galicia é unha evidencia incuestionable”, espetou.
Emprazou ao PP a reconducir esta situación
Por último emprazou ao PP a reconducir esta situación. “Os centros teñen que estar abertos canto antes. É un clamor social, fundamentalmente por parte das familias, pero sobre todo polas usuarias e usuarios, que necesitan de atención e de coidados especializados, que en moitos casos non se poden dar na familia. Si Feijóo ten presa en convocar eleccións, tamén ten que tela para escoitar e atender as demandas destes afectados”, resumiu.