Alfoz, 5 de xuño, 2020. En relación ás propostas dos grupos municipais de PP de Alfoz e de VIA no pleno celebrado o día 22 de maio de 2020 a directiva desexa aclarar e puntualizar algúns aspectos:
Vaia por diante que o CD Alfoz está agradecido ao Concello de Alfoz pola xestión que supuxo que a Excelentísima Deputación de Lugo sufragase o total da obra de mellora da iluminación do Campo Municipal. Ademais agradece poder recibir, de xeito anual, a subvención á que se pode acoller (previa presentación da documentación requirida e cumprindo os requisitos).
Tamén se fixo algún arranxo no campo, coma unha porta de saída ao exterior a carón da cantina. A maiores axudáronnos na celebración de eventos, facilitando mesas e bancos ou o pavillón municipal.
Dende a entrada desta nova directiva, celebráronse varias reunións con membros do equipo de goberno do Concello. Sempre fomos conscientes de que somos un pobo pequeno e de que as instalacións xa teñen case corenta anos, pero sempre aspiramos a ter nas mellores condicións a nosa casa. Pero tamén sabemos que o mantemento do céspede é tan importante que o verán pasado (ante a desculpa do concello de falta de persoal) tivemos que utilizar máis
tempo libre, e incluso as nosas vacacións, para facer o mantemento do campo. A escarificación, aboado, sementa e corte fixémolo nós porque é un orgullo que os equipos que nos visitan sigan tendo a consideración de que o campo é dos mellores da comarca e aspiramos a que os xogadores que representan ao noso pobo teñan as mellores condicións para practicar este deporte.
Durante unha das derradeiras xuntanzas (8 de novembro de 2019) fixéronse unha serie de peticións de mellora das instalacións. Algunhas sabíamos que ían ser máis difíciles de abordar, xa que supoñían unha inversión máis alta e outras eran case que cuestión de vontade. Por exemplo, pedimos que o Concello de Alfoz limpara as instalacións unha vez por semana, as outras veces que fora preciso facelo, corría a cargo da directiva. Tamén se pedía unha maior frecuencia nos cortes do céspede (unha vez á semana) ou usar area durante o parón invernal para mellorar o estado do campo. Ben, a directiva segue limpando os vestiarios (incluso cando van ser utilizados polas escolas deportivas municipais, cousa que facemos encantados polos
nenos), o céspede só se corta as semanas de partidos como locais, e a area xa non se pode botar, xa que debería terse feito durante o parón da competición no Nadal.
Unhas semanas antes de que o coronavirus nos golpease, enviamos un escrito ao Concello (data en entrada no rexistro municipal: 21 de xaneiro de 2020) cunha serie de peticións, xa que as palabras as pode levar o vento. Algunhas eran tan sinxelas como poñer unha rede para que non entren os paxaros onde se garda a roupa do club. Outras eran de maior calado e
precisaban de grandes inversións (campo de herba artificial para adestrar ou retirar as cubertas das gradas, que teñen amianto ). Non pretendemos que as cousas se fagan dun día para outro, pero nin unha contestación por escrito recibimos, e xa pasaron varios meses.
Tampouco cremos que un membro da corporación se debe atribuír os éxitos deportivos (que ás veces non responden ao traballo feito) á súa xestión cando nin se molestan en contestar ás nosas peticións. E menos que os representantes fagan referencia a que xa se fixo unha obra dunha gran inversión (que pagou e Deputación) como desculpa para non intentar
xestionar outras axudas que tanto precisamos.
Caso aparte merece o feito de que unha das porterías do campo de adestramento caeu durante un temporal e pasou varias semanas tirada no chan, ata que finalmente foi retirada. Neste caso non supuxo un grave problema porque estivemos adestrando nas instalacións que nos facilitou o Concello do Valadouro. Pero amosa o pouco aprecio que merece o club cando
seguimos sen portería e as obras de mellora dos focos xa remataron hai meses.
De feito, a directiva tomou a decisión de arranxar e sufragar a reparación do campo de adestramento, xa que non recibimos resposta algunha. Iso supón que imos ter que (de novo) preparar a competición na 1ª autonómica mentres reparamos a citada instalación.
A cuestión non é que haxa aspectos máis importantes que o fútbol, que coa que está a caer pasa a un segundo plano. O que cremos é que a relación entre o Concello e a directiva non é o suficiente fluída (só é necesario botar unha ollada á falta de resposta) e que como representantes dun pobo e das súas asociacións deberían esmerarse en atopar os recursos precisos para acometer as melloras que as súas instalacións precisan. Nese sentido sería moi doado amosarnos que se reuniu (ou se intentou reunir) con representantes doutras administracións (Deputación, Xunta…) na procura dos recursos precisos.
A directiva do club está para colaborar coas institucións, por iso fixemos a reforma do vestiario co noso traballo e fondos propios, cortamos e arranxamos o céspede en numerosas ocasións, organizamos eventos que dinamizan o pobo (amigables, partidos benéficos ou ceas), pintamos os muros do campo, arranxamos o mobiliario da cantina ademais de todo o traballo derivado da propia actividade competitiva. Polo tanto, pensamos que é moito máis importante mellorar o día a día do club que insistir nunha celebración dun partido en horario nocturno para a inauguración da nova iluminación.
Aproveitamos a ocasión para informalos de que o próximo 26 de xuño terá lugar a Xunta Ordinaria de socios que se celebra a final de tempada, na que se realizará o balance económico, deportivo, social e institucional do club. Desenvolverase no Salón de Actos da Casa da Cultura e dará comezo ás 20:30 en primeira convocatoria ou ás 21 no caso de non haber quórum.
Por último, gustaríanos felicitar aos xogadores e adestradores polo traballo realizado durante todo o ano, que ao final derivou nun meritorio ascenso de categoría. O esforzo tivo a súa recompensa. Queremos facer chegar a nosa gratitude aos socios, patrocinadores, empresas colaboradoras, axudantes, afeccionados e institucións que fixeron posible que o noso club siga vivo. Co traballo de todos podemos seguir REXURDINDO.