LUGO .- Preto de 300 persoas participan esta semana nas seis rutas organizadas no programa medioambiental da Deputación, dentro de Km0. Veciños do Páramo elixiron como destino da súa ruta o Concello de Ribadeo; integrantes da asociación de amas de casa “San Tirso” de Palas de Rei tamén viaxarán ata a costa luguesa e, o xoves, membros do centro de maiores “Obra Social Caixa Galicia” de Monforte coñecerán as praias das Catedrais e dos Castros, así como o porto de Rinlo e o aeródromo de Villaframil.
Nota de Prensa
Veciños de Meira inauguran a ruta “Multiaventura” dentro da modalidade Xtreme de Km0
– A iniciativa permite ós participantes redescubrir a provincia a través do deporte e da actividade física, e a ruta escollida inclúe tiro con arco, rastreo e canoas
– Preto de 300 persoas participan esta semana nas seis rutas organizadas no programa medioambiental da Deputación
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a un grupo da federación “Terras do Páramo” e a outro da asociación cultural “Aulas da Terceira Idade” de Lugo dentro de Km0. Preto de 300 persoas participan esta semana nas seis rutas organizadas dentro do programa medioambiental da Deputación.
Os veciños do Páramo elexiron como destino da súa ruta o Concello de Ribadeo, onde visitaron o centro de cultivos mariños e o convento das Clarisas. Tamén fixeron unha travesía marítima pola ría. Asimesmo, os membros da asociación luguesa tamén se decantaron pola Mariña. No municipio de Cervo percorreron a fábrica de Sargadelos, o Real Padroado e fixeron a pé o Paseo dos Namorados.
O mércores, integrantes da asociación de amas de casa “San Tirso” de Palas de Rei tamén viaxarán ata a costa luguesa. En Ribadeo, visitarán o Castelo de San Damián e o mosteiro das Clarisas. Tamén farán unha travesía marítima pola ría. Ese mesmo día, a asociación de veciños “A Magdalena” de Remourelle (Ribadeo) decantaranse pola comarca de Chantada. A ruta incluirá unha visita á Casa da Cultura, ó establecemento de embutidos, ás igrexas románicas de San Salvador de Asma e Brigos, así como á fábrica de radiadores térmicos. Ademais, farán un percorrido polo casco histórico.
Finalmente, o xoves membros do centro de maiores “Obra Social Caixa Galicia” de Monforte coñecerán as praias das Catedrais e dos Castros, así como o porto de Rinlo e o aeródromo de Villaframil. Pola súa banda, a asociación EME de Meira estrearán a ruta “Multiaventura” dentro da modalidade Xtreme, que lles permite ós participantes redescubrir a provincia a través da multiaventura e da actividade física. A ruta, que inaugurarán os veciños da Terra Chá e que inclúe actividades de tiro con arco, canoas e rastreos, forma parte das 14 opcións que ofrece esta iniciativa e que son totalmente gratuitas: “De Campamento” (onde cada equipo ten que realizar exercicios para ir sumando puntos), “Na Diana” (que inclúe tiro con arco e explicación do medio natural), “Oriéntate!” (actividades relacionadas co deporte de orientación), “A Cabalo”, “Lugo Vertical” (ou escalada), “Lánzate!”, (ou tirolina), “BTT” (bicicleta de montaña), “Globo Cautivo” (vistas aéreas, pero tendo en conta que o globo está amarrado), “Colle a Onda!”, (é unha aposta polos deportes náuticos na Mariña Lucense como o surf e o windsurf), e “Móllate!” (é dicir, vela latina, catamarán, kayak e esquí náutico).