Muras, 2 de xuño de 2020. A Xunta de Galicia vén de rematar as obras de mellora da cuberta do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Antia Cal Vazquez de Muras, ás que destinou un orzamento de 15.500 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos acometéronse para corrixir a filtración de humidades nalgúns puntos. Así, procedeuse a retirar a impermeabilización da cuberta plana existente e a realizar unha nova cunha lamina flexible de poliurea. Igualmente, reparouse o lousado da cuberta inclinada.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional contemplaba a execución destas obras durante o verán, dentro da programación anual de traballos de mantemento e conservación, pero adiantáronse os prazos tras a suspensión das clases pola crise sanitaria.