Barreiros, 30 de maio, 2020. A situación vén provocada pola delicada situación económica que vive o Clube, consecuencia da falta de compromiso e apoio por parte do Concello de Barreiros. O pasado venres 29 de maio de 2020 finalizou a tempada das Escolas Deportivas e o contrato que tiña o Clube co Concello, tanto das Escolas como o de subcontratación do Ximnasio Municipal.
Dende o seo do Clube tentouse chegar a un achegamento co equipo de goberno dende o pasado 2019, pero dito acordo non foi posible. As condicións propostas polo Concello non garanten a viabilidade do proxecto, e ante dita situación, a Xunta Directiva do Praias de Barreiros decidiu non continuar co mesmo.
Un proxecto iniciado por un grupo de amigos que non tiña outro fin máis que o de disfrutar do fútbol sala, foi medrando para dar resposta ás solicitudes dos veciños, socios e do propio Concello. O Praias de Barreiros C.D. acadou unha gran dimensión ata chegar a acoller a máis de 200 deportistas na actualidade. Unha gran esctructura que precisa dunhas garantías económicas para o seu correcto desenvolvemento.
·Equipo sénior masculino de fútbol sala (Terceira División): 18 participantes
·Equipo sénior feminino de fútbol sala (Primeira Feminina Lugo): 18 participantes
·Equipo de atletismo: 10 participantes
·Equipo de fútbol sala cadete (Xogade): 10 nenos/as
·Equipo de fútbol sala infantil (Xogade): 6 nenos/as
·Equipo de fútbol sala alevín (Xogade): 8 nenos/as
·Dous equipos de fútbol sala benxamín (Xogade): 25 nenos/as
·Equipo de fútbol sala prebenxamín (Xogade): 8 nenos/as
·Equipo de fútbol sala biberón: 5 nenos/as
·Tres equipos de patinaxe: 30 nenos/as
·Piscina en Foz (unha vez por semana): 30 nenos/as
·Ximnasia de mantemento e aerobic para maiores en Cabarcos, San Miguel e San Cosme: 40 participantes
O Clube foi medrando e adaptándose ás necesidades ata converterse nunha referencia para a mocidade de Barreiros, un espello no que fixarse. Pero trala fractura existente, a continuidade dos equipos sénior en competición (equipo sénior masculino e equipo sénior feminino de fútbol sala, así como o equipo de atletismo) perden a súa razón de ser, que non era outra que a da promoción do deporte entre a xuventude do Concello de Barreiros.
Por todo iso, a Xunta Directiva do Praias de Barreiros, en reunión celebrada o pasado venres, decidiu rematar co proxecto deportivo e empraza ós seus socios a unha próxima Asamblea Extraordinaria que terá lugar en próximas datas.