Viveiro, 30 de maio de 2020. O Concello de Viveiro tomou a decisión de trasladar o mercado semanal dos xoves, que tradicionalmente se celebra na praza Maior, ao paseo marítimo para poder así ubicar a totalidade dos postos.
Tendo en conta as medidas de flexibilización que se viñeron decretando nas fases 1 e 2, que permitían a apertura dos mercados priorizando a venda de produtos de alimentación, e restrinxindo tanto o aforo de público como o número de postos, o concello estivo realizando as xestións necesarias co fin de poder buscar un lugar alternativo á Praza Maior, de maiores dimensións.
Para poder reubicar o mercado tivose en conta, ademais, que o espazo alternativo fose un lugar céntrico e, ao mesmo tempo, o máis próximo posible á actual ubicación.
Atendendo a todos estes criterios, considerouse que a mellor ubicación alternativa é o Paseo Marítimo, no espazo comprendido entre a Ponte da Misericordia e os Xardíns Noriega Varela. Precisamente, o venres pola mañá os técnicos municipais delimitaron a ubicación de cada un dos postos co fin de que o vindeiro xoves xa poida celebrarse o mercado semanal neste novo espazo.
Os titulares de cada un dos postos recibirán a vindeira semana a comunicación oficial da reapertura do mercado semanal, nesta nova ubicación, indicándoselle o lugar exacto do emprazamento do seu posto.
O mercado mensual dos días 1 e 3º domingo de mes permanecerá, polo momento pechado, tendo en conta que non resultou posible buscar un lugar alternativo que cumprise con todos os requisitos para permitan a súa reapertura coa totalidade dos postos, mantendo as distancias de seguridade establecidas.
Finalmente, o concello quere deixar claro que, en todo momento, traballou coa determinación de buscar unha medida que garantise a seguridade de todos os veciños e veciñas e, ao mesmo tempo, permitise reanudar o mercado na súa totalidade.