NOTA DE PRENSA
Segundo Roberto Castro “xa que a Xunta non estivo dilixente no seu momento e a súa falta de reacción levou á extensión da enfermidade na nosa Comunidade alomenos agora debe proceder a compensar aos gandeiros que están a sufrir graves perdas económicas nas explotacións”
O PPDEG INSTA A XUNTA A AXILIZAR O PLAN DE VACINACION CONTRA A LINGUA AZUL E A INDENMIZAR OS GANDEIROS CO 100% DO VALOR REAL DAS RESES AFECTADAS
* “A responsabilidade política é do Conselleiro do Medio Rural que nunca aceptou como posible que a enfermidade chegara ao noso país e se houbera actuado a tempo os efectos da enfermidade na cabana serían menores” indicou o voceiro popular de Medio Rural
* Roberto Castro defendeu na moción debatida hoxe que se proceda á posta en marcha de forma inmediata dun plan informativo sobre lingua azul e reclamou indemnizacións por lucro cesante por baleirado sanitario de explotacións e por inmobilización do gando afectado
Santiago, 22 de outubro de 2008.- O voceiro de Medio Rural do Grupo Popular, Roberto Castro García, defendeu hoxe no pleno do Parlamento unha Moción encamiñada a que a Xunta proceda a axilizar o Plan de Vacinación contra a Febre Catarral Ovina en todo o territorio galego, co fin de rematalo antes do fin de 2008, contratando se fora necesario ao persoal veterinario, para acadar este obxectivo. Na iniciativa tamén demanda que a Xunta estableza unha liña de axudas para que os gandeiros afectados sexan indemnizados co 100% do valor real de tódalas reses afectadas pola denominada Lingua Azul.
Para o voceiro popular xa que “a Xunta non estivo dilixente no seu momento e a súa fata de reacción levou á extensión da enfermidade na nosa Comunidade, alomenos agora debe proceder a compensar aos gandeiros que están a sufrir graves perdas económicas nas explotacións”. Estas perdas hai que engadilas, segundo o deputado, a xa difícil situación dos gandeiros, que sofren en carne propia os efectos da crise económica cos elevados prezos dos pensos, combustibles e fertilizantes e os seus ingresos sofren os efectos da escasa cotización da carne e leite en orixe.
Roberto Castro demandou na moción defendida hoxe que se proceda de forma inmediata ao establecemento dun Plan Informativo sobre a Febre Catarral Ovina (Lingua Azul) destinado aos gandeiros do noso país, co fin de que teñan información precisa e de primeira man de parta da Administración Autonómica. Así mesmo o PPdeG reclamou indemnizacións por lucro cesante por baleirado sanitario de explotacións, no seu caso, e por inmobilización do gando afectado.
RESPONSABILIDADE POLÍTICA DO CONSELLEIRO
Segundo Roberto Castro a verdadeira responsabilidade política a ten o Conselleiro de Medio Rural xa que este nunca aceptou como posible que a enfermidade chegara ao noso país “e cando todo o Norte de España estaba xa afectado pola enfermidade, era de prever que tamén chegaría a Galicia”. Deste xeito se houbera actuado a tempo, os efectos da enfermidade na cabana gandeira galega serían menores.
Neste sentido indicou que o Grupo Popular leva xa tempo interesado no desenrolo desta enfermidade, presentando iniciativas no Parlamento, mentres a Consellería negou sempre a posibilidade da presenza da lingua azul en Galicia.