Lugo, 23 de maio de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e os deputados e deputadas socialistas do Goberno provincial decidiron doar o 30% do soldo do mes de abril aos colexios oficiais de médicos e de enfermería de Lugo para que o destinen ás necesidades que estimen oportuno nun claro exemplo de apoio á sanidade pública. A cantidade doada ascende a 7.265,31€.
José Tomé explicou que con esta medida, “máis alá da contía económica que pode supoñer esta doazón en si mesma, queremos que sexa un xesto de solidariedade coa cidadanía e coas empresas que perderon os seus ingresos habituais e que están atravesando momentos difíciles”. Ademais, engadiu, “como responsables políticos, como persoas con vocación de servizo público, temos que dar exemplo nesta crise sanitaria que ten un gran impacto económico e laboral. Hai actos como esta doazón dunha parte dos nosos soldos co que, sen solucionar o grave problema sanitario, queremos sumarnos á gran resposta de solidariedade da sociedade lucense con quen o está pasando peor e enfrontándose en primeira liña a esta situación”.
“Estamos nun momento no que cómpre fortalecer a nosa sanidade pública, o estado de benestar e a reconstrución económica e social. Como representantes de todos os veciños e veciñas da provincia ao fronte desta institución debemos seguir tomando medidas políticas no ámbito social e económico para paliar a crise, fixémolo e seguirémolo facendo, pero tamén creo que debemos amosar que podemos poñer o noso grao de area persoal nesta causa”, afirmou o Presidente.
O conxunto do Goberno da Deputación avanzou a principios de abril a súa decisión de doar o 30% do soldo dese mes para paliar os efectos derivados da crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19.