Viveiro, 15 de maio de 2020. Na reunión de portavoces celebrada hoxe ás 12:00 horas, o concelleiro de SON Viveiro-SON en Común propuso unha batería de medidas para garantir a seguridade pública na actualidade:
1º) Respecto aos semáforos: coa finalidade de evitar acumulación de persoas que desexen cruzar, así como aglomeracións nas beirarrúas que impidan manter a distancia de seguridade interpersoal de dous metros, deberán estar permanentemente en ámbar.
2º) Onde sexa necesario e de xeito provisional, aos pasos peonís daráselles máis anchura e dividiranse pola metade cunha franxa, indicando en cada unha das dúas partes resultantes o sentido no que poden cruzalo as e os viandantes.
3º) Sinalizaranse todas as beirarrúas do municipio para que se circule, segundo o establecido polo artigo 1.213 de Reglamento General de Circulación, sempre pola man dereita.
4º) Sinalizaranse como rúas de sentido único todas as rúas do concello cunha anchura inferior a 2,50 metros.
5) Efectuarase unha división en dous sentidos en todos os paseos e xardíns e lugares de tránsito cuxa anchura o permita.
6) Limitarase o espazo reservado para terrazas na temporada anterior, sempre e cando quede dispoñible o espazo regulamentariamente establecido para a libre circulación.
7) Onde sexa posible, nos negocios da nosa cidade, sinalizarase mediante liñas descontinuas no chan o número de persoas que poden estar esperando o seu turno ‒incluíndo ás entidades financeiras‒ e estas ubicaranse á distancia regulamentaria unhas respecto das outras, non poderán entorpecer a libre circulación e contarán coas medidas de seguridade decretadas.
En palabras do voceiro do grupo, Luis Manuel García Otero: “O goberno municipal estudará a viabilidade das nosas suxestións, que son todas factibles e necesarias. Nesta fase do confinamento, as cidadás e os cidadáns temos dereito a gozar da vía pública con plenas garantías para evitar contaxios e poder ir aumentando progresivamente a confianza nas nosas saídas, ata acadar a nova normalidade. Ademais, non debemos esquecer que o noso municipio conta con numerosas segundas residencias e convén que nos anticipemos e atopemos preparados ante o previsible aumento poboacional que se producirá unha vez que o goberno autorice a libre circulación de persoas”.