Burela, 12 de maio de 2020. O Concello de Burela porá en marcha de novo o punto limpo o vindeiro xoves, 14 de maio. Así o anunciou esta tarde o concelleiro Ramiro Fernández Rey.
O edil burelés dixo que “o punto limpo, que permanecía pechado desde que se decretou o estado de alarma, decidimos poñelo en marcha de novo a partir deste xoves, 14 de maio. O horario será, o que estaba establecido, de luns a venres de 16:30 a 20:30 horas e os sábados de 9:00 a 13:00 horas”.
Fernández Rey explicou que “calquera veciño que teña material pode levalo ao punto limpo, onde será recepcionado, e xa lle indicarán cómo que ten que facer alí na propia instalación”.
O concelleiro lembrou “para a xente que non poida achegarse ao punto limpo por calquera motivo dicirlles que temos operativo o servizo de recollida de enseres a domicilio, que estivo a funcionar durante todo este tempo de confinamento. Para poder empregalo deben chamar o día anterior ao da recollida, que é os mércores, ao servizo de limpeza ou ao Concello para indicar en qué lugar van deixar eses enseres e pasarán a recollelos sen ningún problema. Será a empresa de recollida do lixo a que os traslade ata o punto limpo. O teléfono ao que hai que chamar é o 689 15 64 13, que é o da empresa, e o 982 58 60 00, que é o do Concello. Aí din o que van deixar e onde vai quedar, xa lles darán indicacións de cómo teñen que facelo e pasarán a recoller ese material os mércores ao longo de todo o día”.