Viveiro, 12 de maio de 2020. O Concello de Viveiro informa aos veciños e veciñas de Viveiro que a partir deste xoves, 14 de maio, se procederá á reapertura do punto limpo e do cemiterio municipal, que permanecían pechados dende a declaración do Estado de Alarma.
A súa reapertura acórdase á vista da Orde SND 399/2020, de 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase I do Plan para a transición cara unha nova normalidade, tendo en conta que no artigo 7 se indica que, en relación ao establecido na mesma, se poderá circular pola provincia, isla ou unidade territorial de referencia a efectos do proceso de desescalada.
O Cemiterio Municipal de Viveiro reabrirá ao público o xoves 14 de maio, ás 9:00 horas. Nesta primeira fase da desescalada o Cemiterio de Altamira permanecerá aberto de luns a venres, en horario de 9:00 a 13:30 horas. En cada momento o número de persoas no interior do cemiterio non superará o 30 % do aforo e, simultaneamente, a distancia entre dúas persoas que non convivan será, cando menos, de dous metros.
Así mesmo, recoméndase o uso de mascarillas e unha minuciosa hixiene de mans. Haberá líquido desinfectante a disposición dos usuarios. Por último, lémbrase a prohibición de beber dos grifos existentes no cemiterio.
O Punto Limpo reabre no seu horario habitual, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas; os sábados, abre de 10:00 a 14:00 horas. Neste caso, tamén se solicita aos usuarios deste servizo que se adopten todas as medidas de seguridade establecidas polas autoridades competentes.
Así mesmo, infórmase a todos os veciños e veciñas que esta semana se celebrará o mercado semanal nas mesmas condicións que a pasada semana –coa presenza dos postos de venda directa de produtos agrícolas e gandeiros-, tendo en conta que entre as medidas establecidas para a súa reapertura figura que o número de postos dos mercados quedaría limitado ao 25 % dos autorizados ou habituais e unha afluencia inferior a un terzo do aforo habitual.
A orde recolle a posibilidade de proceder ao aumento da superficie habilitada para o exercicio deste actividade de maneira que se produza un efecto equivalente á citada limitación, non sendo posible esta alternativa tendo en conta as medidas de cada un dos postos e mais da Praza Maior e ao non contar cun espazo alternativo que reúna as características necesarias para establecer os requisitos de distanciamento entre postos e as condicións de delimitación do mercado co obxectivo de garantir a seguridade e distancia entre traballadores, clientes e viandantes.
Tendo en conta estas circunstancias e co obxectivo de non prexudicar a ningún posto, tendo en conta que só poderían colocarse un 25% dos autorizados ou habituais, decidiuse manter a súa celebración segundo o establecido na pasada semana, mentres se buscan posibles alternativas.