Viveiro, 9 de maio de 2020. O Concello de Viveiro informa a todos os hostaleiros que dende o luns, día 11, se brindarán todas as facilidades posibles para permitir a colocación das terrazas na superficie máxima que sexa viable, sempre e cando respecten o 50% de ocupación establecido polas autoridades sanitarias e a circulación peonil polas beirarrúas.
Os establecementos deben asegurar, en todo caso, que se gardará a distancia social establecida polas normas do goberno.
Cada un dos locais de hostalería que dispón de terraza, conta co plano remitido por este concello en anualidades anteriores, indicándolle o espazo máximo que é posible ocupar coa instalación da mesma; esa sería a superficie máxima que, en principio, podería ocupar cada hostaleiro.
As solicitudes para autorización da actividade da terraza (que deben tramitarse no departamento de urbanismo) e para a autorización da ocupación deben realizarse a través da administración electrónica, segundo os formularios que pode descargarse na web municipal; no caso de querer ocupar máis superficie da establecida no plano referido, débese facer constar na solicitude que se presente, para poder valorar cada caso concreto atendendo as circunstancias actuais.
O goberno municipal é consciente da difícil situación na que se atopan os establecementos de hostalería, pechados dende o pasado 14 de marzo e que agora comezan a recuperar parcialmente a súa actividade con grandes limitacións, polo que intentará axudar na medida do posible ao sector para paliar as consecuencias económicas desta situación.