RIBADEO (FNC) .- Comezaron as obras de construción da nova depuradora de Ribadeo que suporán un desembolso de 5 millóns de euros. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que entre en funcionamento dentro dun ano.
O rexedor dixo que “podemos ver como nestes días están a dar comezo as importantes obras de construción da nova depuradora en Ribadeo que servirá para dar un cambio significativo ao que é o tratamento de augas residuais tanto da vila como das parroquias costeiras, que a través da rede de saneamento que se estivo a facer nestes últimos anos, tamén se tratarán nesta nova depuradora”.
Suárez Barcia subliñou que “esta importante inversión foi adxudicada hai máis dun ano. O Concello de Ribadeo tivo que poñer a disposición do organismo de Augas de Galicia os terreos necesarios para levar adiante esta construción, para iso tivemos que facer unha achega de 150.000 euros, pero penso que o máis importante é a inversión enorme que se está a facer dado que a construción da depuradora ronda os 5 millóns de euros e despois a explotación de todo ese servizo durante 20 anos está estimado en 13 millóns de euros. En total 18 millóns de euros que unha UTE, integrada por tres empresas importantes, está levando adiante en Ribadeo”.
O alcalde ribadense destacou que “todo isto se está a facer sen ningún custe adicional para os veciños de Ribadeo, xa que se vai costear co canon de saneamento que actualmente todas as persoas xa están a pagar no seu recibo da auga. É un canon que pagan todos os galegos e parte desa recadación se está a investir aquí en Ribadeo”. Fernando Suárez conta que “as obras que agora están empezando duren aproximadamente un ano e a partires de aí, cando entre en funcionamento, será un referente a nivel galego e estatal en canto a depuración de augas residuais xa que vai ter tres procesos, un primeiro de separativo do que ven facendo a depuradora actual dos anos noventa, logo un segundo que contemplará un dixestor de bacterias e xa unha terceira fase, algo innovador, trátase dun tratamento por raios ultravioleta que fará que os residuos que vaian ao mar cheguen nunha calidade moito mellor que na actualidade. Agardemos que nun ano ou ano e pico vexamos que as augas de Ribadeo están absolutamente depuradas, que o río de Vilaselán recupere o esplendor que tivo anos atrás e creo que será unha moi boa noticia para os veciños e veciñas de Ribadeo”.