Lugo, 29 de abril de 2020.- A Xunta de Galicia comezou hai máis dun mes a realizar entregas de material de protección contra o coronavirus aos concellos da comarca da Mariña e completa entre hoxe e mañá un novo envío que eleva a suma de unidades distribuídas practicamente ata as 50.000. En concreto, dende a primeira achega do 24 de marzo, o Goberno galego remitiu 26.671 guantes, 21.082 máscaras, 1.647 traxes e batas, 51 pantallas faciais así como xel desinfectante e lixivia.
No que respecta aos elementos que se entregan nestes días, contabilízanse preto de 7.500 unidades: 3.410 guantes, 3.850 máscaras cirúrxicas, 43 botes de xel desinfectante de medio litro e 13 garrafas de cinco litros, 77 traxes, 51 pantallas faciais e 51 batas.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que nesta ocasión as achegas están destinadas aos concellos de máis de 1.500 habitantes pero o Goberno galego está a beneficiar a todos os municipios con estes subministros periódicos.
O material está sendo destinado principalmente para uso dos servizos sociais e de emerxencias, como o Servizo de Axuda no Fogar, Protección Civil ou Policía Local, e ao transporte público.
A Xunta centraliza as peticións dos concellos en coordinación coa Federación Galega de Municipios e Provincias, en base a criterios obxectivos tendo en conta a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.
Con esta medida, Goberno galego pretende dotar do equipamento necesario ás entidades locais para que os traballadores dos servizos municipais que continúan desempeñando as súas funcións conten co material de protección que precisan.