Burela, 28 de abril de 2020. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con Miguel Neira, da sociedade de armadores de Burela, ABSA, e con Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo.
A xuntanza, enmarcada na rolda de contactos con representantes do tecido empresarial, e social da provincia, terá continuidade nos vindeiros días con outras sociedades de armadores e confrarías, e serve para resolver dúbidas e darlles conta dos distintos apoios que a Xunta promove para o sector do mar como consecuencia da crise sanitaria por coronavirus.
Un dos aspectos que máis preocupa á flota é a xestión da incidencia do covid-19 e, nese senso, Balseiro explicou que a Xunta vén de demandar ao Goberno central a habilitación dun protocolo de actuación específico para os casos de posibles enfermos por coronavirus a bordo dos buques, unha petición que o propio sector demandou como prioritaria.
A experiencia acontecida no buque Carla, de bandeira francesa pero atracado no porto de Burela, esixe revisar o procedemento a seguir nestes casos para evitar que derive nunha atención ineficiente ou en esperas prolongadas nos peiraos por dilacións ou por adiantos nas comunicacións de chegada aos portos das embarcacións afectadas.
A Xunta está disposta a colaborar co Instituto Social da Mariña (ISM), que é o competente na materia, para axilizar calquera trámite neste sentido e poder contar cun protocolo o antes posible dado que así o solicita o propio sector afectado, con milleiros de profesionais que desenvolven o seu labor a bordo de buques pesqueiros.
Balseiro insiste na necesidade de que a frota e as propias administracións poidan ter claras as pautas de comportamento durante a estancia do buque no mar, no momento do traslado a terra dos tripulantes e tamén nos períodos previos ao embarque.
Liñas de financiamento sen xuros
O encontro tamén serviu para trasladar datos sobre a liñas de préstamos e apoios á industria marítimo-pesqueira, postas en marcha pola Xunta a través do IGAPE. Son créditos para garantir a viabilidade das empresas deste sector, ou as necesidades puntuais de liquidez nas que se poidan incorrer.
O prazo de amortización desta liña de préstamos pode ser de ata 4 anos, con un de carencia, e o crédito solicitado pode chegar ata os 200.000 euros. Un dos aspectos que maior vantaxe ofrece respecto doutras liñas de apoio é que os tipos de interese quedan ao 0% xa que os asume a Xunta.
Taxas portuarias
Outra das medidas de apoio tratadas son a flexibilización do pago das taxas nos peiraos autonómicos. Portos de Galicia adía a emisión de novas facturas ata dous meses despois de que remate o estado de alarma.
A Xunta adopta esta medida co obxectivo de aliviar posibles tensións de tesourería ás entidades e empresas usuarias dos portos e favorecer que teñan liquidez para manter a actividade unha vez superada esta situación.
Obras en marcha
Finalmente o encontro serviu para pasar revista á situación das obras que a Consellería do Mar promove no porto de Burela, que suman un global de 1,3 millón de euros. Está en marcha a construción do novo martelo, que recuperou o ritmo de traballos habitual e continúa o proceso de contratación da obra de remodelación integral da antiga nave de redes.
Ambos casos son actuacións moi demandas polo sector pesqueiro, a primeira delas para mellorar as condicións de abrigo e operatividade do porto e, no relativo á nave de redes, para contar cunhas instalacións máis modernas e eficaces de cara ao seu uso polos profesionais do sector pesqueiro local.