Cervo, 26 de abril de 2020. O Concello de Cervo agradece ás Administracións públicas, ás persoas voluntarias e ás entidades privadas a doazón de todo tipo de material de protección fronte ao coronavirus.
En concreto desde o inicio da crise sanitaria, a Xunta de Galicia fixo chegar 4800 luvas, 4368 máscaras, ademais de traxes buzo, batas, pantallas de protección ocular e xeles hidroalcohólicos; que foron distribuídos entre o persoal de Servizos Sociais do Concello, o servizo de emerxencias municipal, o Centro de Día Residencia e a unidade residencial da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, ubicada na zona da Bidueira, en Cervo. As entregas de material teñen lugar cada semana desde o pasado 24 de marzo
Pola súa banda, a Deputación provincial achegou ao Concello de Cervo o pasado venres unha primeira remesa de material que contén 1300 máscaras que serán distribuídas, en función das necesidades, entre as auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar.
Desde a Administración local tamén queren recordar especialmente o labor desinteresado de veciños e veciñas que se prestaron voluntarios/as para tecer coas súas mans e cos seus medios centos de cubrebocas que foron entregadas durante a fin de semana naqueles domicilio con menores de entre 3 e 14 anos.