Santiago de Compostela, 21 de abril de 2020. A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia critica a xestión «escurantista» do Sergas no referente á xestión da crise do COVID-19. Comisións critica que, amparándose no estado de alarma, o Servizo Galego de Saúde omite as súas obrigas en materia de negociación colectiva e establece «a golpe de instrucións e ordes» —xa son doce— a normativa aplicable ao persoal, sen ter en consideración as achegas de CCOO e outros sindicatos.
Nun momento en que a cifra de traballadoras e traballadores contaxiados do sistema público de saúde «non deixa de medrar» —xa representan máis do 10 % do total de casos positivos de Galicia—, CCOO coida «máis necesaria ca nunca» unha política de diálogo e negociación.
En pouco máis dun mes que levamos de estado de alarma, CCOO dirixiulle varios escritos á Consellaría de Sanidade e ao Sergas, sen que ningún responsable se puxese en contacto con este sindicato. Para Comisións, é «inadmisible» que estean emitindo instrucións en materias relacionadas co persoal impedindo o debate das alegacións das organizacións sindicais.
Outro tanto ocorre co comité central de seguridade e saúde, que emitiu xa catro versións do plan de prevención de riscos para o persoal, ao tempo que só houbo unha convocatoria das organizacións sindicais, previa á declaración do estado de alarma.
Para a Federación de Sanidade de CCOO, o estado de alarma non é escusa para non convocar os sindicatos da mesa sectorial da sanidade, xa que a Administración ten a obriga de teletraballar. Así mesmo, «a actividade sindical foi declarada como esencial, polo que nos podemos reunir mediante videoconferencia».
Actualización das listaxes de contratación
CCOO-Sanidade tamén solicita que o paro administrativo non impida a actualización das listaxes de contratación, xa que a paralización está afectando ao acceso ao emprego de varias categorías. Entre elas, a de celador e celadora, na que levaba desde o 2009 sen convocarse oposición nin recoñecerlle a esa categoría o «esforzo» feito para acceder aos contratos que lles corresponderían.
CCOO tamén denuncia que, a día de hoxe, hai listaxes de contratación con máis de trescentas persoas dispoñibles para traballar nas categorías máis deficitarias, tales como técnicos/as en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE) e enfermaría, situación «incomprensible» tendo en conta que se está a contratar tanto persoal alleo ás listaxes como alumnado. Tamén en materia de contratación, o sindicato pide que todos os contratos realizados por mor desta crise sanitaria «sexan prorrogados, para reforzar o sistema público de saúde».
Por último, CCOO-Sanidade solicita a aclaración dos datos de persoas contaxiadas en Galicia que recolle a páxina web da Consellaría de Sanidade (6205 o 19 de abril), pois non coinciden cos datos emitidos polo Ministerio (8299).