Burela, 21 de abril de 2020. A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, e o alcalde, Alfredo Llano, presentaron hoxe o cartel de “Burelenses no mundo” a iniciativa que se puxo en marcha hai uns días para facer visible ata onde chegaron @s veciñ@s de Burela, “xa sexa por razón de traballo puntual, de vacacións, de viaxes de fin de curso, de estudos, de emigración…”.
Toñi Eijo sinalou que “nestes intres non podemos viaxar, pero estamos seguros de que non queda lugar no planeta que non fora pisado por alguén de Burela. Parécenos unha proposta ideal para animarnos, viaxar sen saír da casa e coñecernos un pouco mellor, por iso invitamos a tod@s @s veciñ@s a participar. A dinámica é moi sinxela, na páxina web do Concello de Burela www.burela.org aparece o cartaz desta iniciativa, e facendo click nel podedes descargar a ficha de participación, unha vez cuberta só tedes que envíala por correo electrónico a burelensesnomundo@burela.org, xunto coa foto, fotos ou vídeo dunha duración máxima de dous minutos, sacadas nun sitio que non sexa Burela”.
Para a concelleira de Medio Ambiente “grazas a esta iniciativa nunca viaxar polo mundo con amig@s foi tan sinxelo. As fotos e vídeos recibidos serán publicados nas redes sociais da Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela”.