Lugo, 20 de abril de 2020. A Deputación de Lugo quere manifestar o seu pesar polo pasamento da poeta ribadense Luz Pozo Garza, que finou hoxe na Coruña, onde residiu nos últimos anos.
A vicepresidenta da institución, Maite Ferreiro, lamentou a perda da autora, “unha das voces esenciais da literatura galega e unha pioneira, que se impuxo aos prexuizos cos que as mulleres tiveron que loitar para abrirse camiño no mundo literario nos difíciles tempos da posguerra e da ditadura”. “Teremos sempre presente a súa obra e tamén o seu agarimo pola Mariña, especialmente, e por Lemos, onde están as súas orixes”.
Maite Ferreiro quixo trasladar o pesar á familia e ás persoas máis achegadas á poeta, a segunda muller, tras Olga Gallego, en ocupar unha cadeira no pleno da Real Academia Galega e a primeira en desempeñar un posto de dirección na institución da que foi vicesecetaria entre 1997 e 2001.
A Mariña e Lemos na súa biografía e na súa obra
A autora, que naceu en Ribadeo no 1922 e residiu parte da súa vida en Viveiro deixando unha fonda pegada nas dúas vilas, reivindicou os seus lazos coa Mariña Lucense.
En 2018 foi nomeada filla adoptiva de Viveiro e en xaneiro deste 2020 foi recoñecida como filla predilecta de Ribadeo, onde conta cun monolito instalado pola Asociación de Escritores en Galego (AELG).
O seu derradeiro poemario “Pazo de Tor” (Alvarellos, 2019) sinala tamén os vínculos da súa familia materna coa comarca de Lemos. O libro recolle trinta poemas que a académica escribiu a raíz da súa primeira visita ao pazo monfortino, no que os Garza residiron arredor do século XIV e que na actualidade forma parte da Rede Museística Provincial.