Ribadeo, 20 de abril de 2020. Acisa lamenta profundamente o pasamento do fotógrafo local, Miguel Ángel Díaz Conde, á idade de 43 anos. O colectivo empresarial, do que era socio, transmítelle o seu pesar a familiares e amigos.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos subliña a súa profesionalidade: “mostra da súa calidade queda nos traballos fotográficos realizados de eventos e de actividades de Acisa, algo do que nos sentimos orgullosos”.
Acisa engade que “Miguel Ángel Díaz era, ademais dun excelente profesional, unha persoa moi xenerosa tanto na súa vida laboral como persoal. Era un socio exemplar. Esta triste nova causou unha forte conmoción na nosa asociación e na vila de Ribadeo na xornada de hoxe”.
Miguel Ángel Díaz e a súa irmá Sonia eran na actualidade a cabeza visible de Foto Miguel tras a xubilación de seu pai, Miguel Díaz, histórico fotógrafo ribadense moi coñecido tanto na Mariña como no Occidente asturiano. Miguel Díaz, o seu proxenitor, foi un dos membros da primeira directiva de Acisa Ribadeo, constituída en 1989. Foi vocal con Andrés Tojal como presidente.