Ribadeo, 14 de marzo de 2020. A Concellaría de Medio Ambiente estendeu, desde hoxe, os traballos de desinfección de contedores ás parroquias ribadenses. Jorge Díaz subliña que deste xeito se dá un paso máis coas tarefas que se veñen desenvolvendo a diario, desde que se decretou o estado de alarma, diante dos establecementos esenciais que están abertos, do centro de saúde, das residencias de maiores, nos contedores, bancos, papeleiras e rúas da vila. O edil fai un chamamento á veciñanza para que non saia botar o lixo ata despois das nove da noite e pide que non se deixen os contedores abertos. Jorge Díaz recomenda levar luvas para botar o lixo ou lavar ben as mans cando se volva para a casa.
O concelleiro de Medio Ambiente explicou que “seguindo con estes traballos de desinfección excepcionais nestes momentos extraordinarios, estamos a levar a cabo estas tarefas en contedores, nas rúas, nos accesos ás tendas de servizos esenciais que están abertas como supermercados, estancos e farmacias, no centro de saúde e nas residencias que temos de maiores. E agora imos dar un pasiño máis intentando abrir o abanico para que poidamos chegar a todo o mundo e imos estendelo ás parroquias a todo tipo de contedor, váiselles dar un lavado con desinfectante”.
Jorge Díaz dixo que “comezamos hoxe e ao longo de toda esta semana imos seguir intentando chegar á plenitude. É máis complexo porque as parroquias están máis dispersas e non está tan concentrada a conterización, pero imos intentar chegar, dentro das nosas posibilidades, o antes posible a todos os lados”.
Sobre o lixo e a conveniencia ou non de deixar os contedores abertos o edil de Medio Ambiente manifestou que “o máis normal é tirar o lixo a partir das nove da noite, non se pode andar tirando o lixo ás doce da mañá. Entón ou ben se levan luvas ou despois hai que lavar as mans ao volver á casa, ao igual que facemos cando se vai á farmacia, ao supermercado ou a outro tipo de cuestión esencial”.
Jorge Díaz Freije aconsella que “por favor non se deixen os contedores abertos. Entendo toda a problemática que hai, todas as dúbidas que isto xera no estado en que estamos, pero isto vai seguir porque vai haber que continuar con medidas paulatinas e os contedores non van poder estar abertos por cuestións de cheiros e infinidade de cousas durante o verán. Eu entendo que é moito máis cómodo non tocalos, pero temos que aplicar o sentido común e todas as medidas oportunas protexéndonos, pero non podemos tirar o lixo ás doce da mañá e non debemos deixar os contedores abertos”.