A Mariña, 12 de abril, 2020. O espazo de directos de Afundación en casa presentará a partir de mañá, luns 13 de abril ás 11.00 h o programa «Benestar e Ioga», deseñado especialmente para persoas maiores de 60 anos, no marco do proxecto de Envellecemento Activo que desenvolve a Obra Social de ABANCA nos seus 11 espazos +60. A entidade pon deste xeito ao dispor do público, no seu portal web de acceso libre e gratuíto ferramentas útiles para este período de corentena.
O programa «Benestar e Ioga» está estruturado en dúas sesións semanais de adestramento en liña en directo, os luns e os xoves ás 11.00 h, impartidas por Sandra Roco Robles, profesora titulada pola Escola Internacional de Ioga (400 h) e propietaria do Centro de Bikram Ioga Spain A Coruña. Ademais das clases, deseñouse un plan de adestramento complementario que os participantes poderán practicar na súa casa ata a seguinte sesión. A reconexión co corpo, ioga para mellorar o soño, para acougar o sistema nervioso ou espertar o corpo, a meditación ou o ioga suave para persoas con mobilidade reducida son algunhas das prácticas que se abordarán nas distintas sesións, deseñadas para estar ao alcance de todo o público, independentemente da súa idade, a súa condición física ou de se practicou ou non ioga con anterioridade.
AFUNDACIÓN EN CASA
«Afundación en casa» é o novo portal web de acceso libre e gratuíto, creado a instancias de ABANCA e a súa Obra Social, no que se verte, durante esta etapa, toda a actividade que o equipo de Afundación continúa planificando e desenvolvendo desde os seus domicilios. Deste xeito, a Obra Social de ABANCA segue poñendo á disposición da cidadanía os seus proxectos culturais, sociais e formativos, mantendo o mesmo nivel de esixencia e exercendo, tamén, un labor de acompañamento telemático para usuarios +60, que desenvolven persoas voluntarias en colaboración con traballadores da entidade. Desde casa, a Obra Social de ABANCA continúa traballando para proporcionar contidos en directo e actualizacións permanentes para consolidar Afundación, tamén na súa modalidade online, como a entidade galega de referencia no seu ámbito. Cun fondo vivo, «Afundación en casa» reflicte a intensidade e calidade da programación da Obra Social de ABANCA.
O obxectivo é acompañar á sociedade no súa deber de permanecer na casa, ofrecendo múltiplas opcións mediante as que continuar formándose e crecendo dun xeito accesible e seguro. Ademais, esta iniciativa permite manter a actividade económica nos distintos ámbitos de actuación, tanto a nivel interno da entidade, como na súa relación cos seus colaboradores externos. En definitiva, a Obra Social de ABANCA, en liña cos seus compromisos estratéxicos a prol do avance social, esfórzase por apoiar á cidadanía nestes momentos excepcionais, mirando xa cara ao futuro.
Toda esta actividade, integrada por máis de 300 recursos, é facilmente accesible nos perfís das redes sociais de Afundación baixo a etiqueta #AfundaciónEnCasa.