Burela, 7 de abril, 2020. O confinamento nos fogares e o estrés asociado ao estado de alarma son factores que poden facer que a convivencia co agresor sexa moito máis difícil e, ao mesmo tempo, complica moito a posibilidade das vítimas de violencia de xénero para denunciar a súa situación xa que o control que habitualmente sofren por parte da súa parella vese agravado pola imposibilidade de saír do fogar. Do mesmo xeito, esta situación de illamento tamén pode facer que o agresor aumente o seu control sobre a vítima e os seus fillos así como a violencia psicolóxica que exerce sobre eles.
Por isto, queremos facer un chamamento á sociedade para que prestemos unha especial atención na nosa comunidade de veciños: “Se sospeitas que unha das túas veciñas pode estar sendo vítima de violencia de xénero, non o dubides e informa ás forzas e corpos de seguridade do Estado ou contacta co teléfono 016”.