Lugo, 1 de abril de 2020. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, informa de que a Deputación de Lugo enviou este mércores unha carta ás consellerías de Sanidade e de Política Social pedindo á Xunta que realice test de detección do coronavirus Covid-19 nos centros de atención a maiores que a institución provincial xestiona en Trabada, Pol, A Fonsagrada e Ribadeo. Unhas probas que se consideran necesarias facer canto antes tanto aos usuarios e usuarias coma ao cadro de persoal para previr o contaxio. “Resulta recomendable, necesario e imprescindible para conter o coronavirus nas residencias de maiores”, explica Rivera.
Na misiva, a Deputación explícalle á Xunta que dende o día 5 de marzo se comezaron a tomar medidas cada vez máis estritas nos centros da súa titularidade, dende a supresión de visitas ata a desinfección tanto exterior como interior dos edificios dous días á semana. “Puxemos en marcha un protocolo con pautas tan restritivas e necesarias como intensas, pero que malia iso, non nos poden asegurar ao 100% que controlamos as fontes de contaxio”, expón o Deputado. “As persoas que traballan nas residencias teñen un perfil de idades novas, polo que poden ser transmisoras e estar asintomáticas, fronte aos nosos usuarios que son un dos grupos máis vulnerables ante o coronavirus”, subliña Pablo Rivera.
A Deputación amosa a súa vontade de colaboración para a realización dos test poñendo a disposición do Sergas ao persoal sanitario destes centros, se así o consideran, para a recollida de mostras e envío aos laboratorios.
Ademais, a institución provincial pídelle á Xunta que faga extensible esta petición, pola súa necesidade sociosanitaria, ao resto de centros de servizos sociais de prestación residencial da provincia, “e non só limitarse a facelo onde xa houbo algún caso, xa que hai que anticiparse aos síntomas e poñer o foco na poboación máis sensible ao contaxio do coronavirus”, engade o Deputado de Promoción Económica e Social.