Foz, 31 de marzo, 2020. Desde o profesorado do Colexio Martínez Otero somos conscientes de que se aproximan tempos moi complexos a nivel laboral, económico e social para moitas familias do noso redor. Moitos son alumnos, pais, nais ou, simplemente, veciños.
Coas medidas publicadas no último BOE, aínda que necesarias, poden darse situacións onde moitas familias non teñan ingresos para facer fronte a pagos imprescindibles como o alugueiro da vivenda, a electricidade, o gas, as medicinas etc. No Colexio Martínez Otero sempre soubemos sentir os problemas dos demais como se fosen nosos.
Deste xeito, desde o profesorado do Colexio, decidiuse crear un “FONDO SOLIDARIO”, onde os docentes farán achegas de carácter económico para axudar a aquelas familias das que se teña constancia que se atopen nalgunha das situacións descritas anteriormente. O encargado de recepcionar as achegas económicas será Cáritas Parroquial de Foz.
Ademais, no día de onte, a fundación do Colexio realizou unha doazón de alimentos ao Banco de Alimentos de Foz que contiña 250 iogures, pezas de 3kg de diferentes friames e froita.
Sempre dixemos que cómpre educar en valores e, agora máis que nunca, é momento de amosalo. O mellor valor para as familias é a nosa solidariedade.