Ribadeo, 31 de marzo de 2020. O Concello de Ribado e BeOne poñen a disposición dos veciños e das veciñas unha aplicación gratuíta para adestrar e manterse en forma desde a casa nesta época de confinamento. Así o anunciou hoxe o alcalde, Fernando Suárez, Barcia.
O rexedor explicou que “desde o Concello de Ribadeo, a parte das outras cuestións nas que traballamos, estamos preocupados por estas medidas de confinamento. Os días van pasando e faise moi longo o tempo, a xente está a vivir entre catro paredes, e temos que poñer en práctica aquel dito latino que dicía mens sana in corpore sano, é dicir para estar ben mentalmente debemos ter o corpo ben. E para iso debemos facer deporte e para facer deporte na práctica totalidade dos casos é necesario saír e como non podemos facelo temos que aproveitar os recursos que a técnica ou a tecnoloxía nos permiten”.
Fernando Suárez dixo que “de aí que entre o Concello de Ribadeo e BeOne, xestora concesional da piscina municipal, chegamos a un acordo para poñer ao alcance de todos os veciños e todas as veciñas unha aplicación para que poidan seguir mantendo a súa actividade física mentres que dure o confinamento. Vanse poder beneficiar todos e todas de xeito excepcional neste momento excepcional, non so os que contan con bonos e son socios da piscina municipal. Na aplicación pódese ter acceso a máis de 300 clases virtuais que se poden realizar desde casa e cando se queira”.
O alcalde subliñou que “neste momento non nos podemos volver sedentarios. A actividade física vainos facer estar máis sans e fortes e é crucial para aliviar a tensión que poida causar o confinamento. Polo tanto, abrimos esta iniciativa a todos os veciños do municipio ofrecendo, de forma libre e gratuíta, a posibilidade de acceso á aplicación de BeOne. Para iso só hai que rexistrarse na páxina web beone.es/behome para obter as claves de acceso e empezar a gozar dunha vida activa e manterse en forma desde a casa. E tamén desde a conta de Instagram oficial de BeOne impártense a diario clases en directo e en aberto de todo tipo de disciplinas: pilates, baile, tonificación… Ademais dispoñen de actividades orientadas ás familias e a persoas maiores”.