Santiago de Compostela, 30 de Marzo 2020. A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a comparecencia posterior á reunión virtual da Executiva do BNG para poñer sobre a mesa novas propostas co obxectivo de minimizar os efectos da crise tanto no aspecto sanitario como económico. E volveu advertir que, á vista dos resultados, a centralización de competencias que trouxo o estado de alarma non está sendo eficaz e, nese sentido, instou ao presidente da Xunta a exercer o autogoberno e liderar unha solución á crise adaptada á realidade do país.
“Estamos vendo que a centralización non nós resolve os problemas e necesitamos ter respostas propias, por iso lle pedimos á Xunta que lidere, que tome a iniciativa e que recupere ese autogoberno e a capacidade de actuación plena porque é evidente que necesitamos solucións pensadas desde a nosa propia realidade e non podemos estar agardando a que desde Madrid nos solucionen ou non os problemas que temos neste momento”, argumentou Pontón.
A líder nacionalista facía este chamamento a Feixóo tras subliñar o fracaso á hora de garantir o subministro de material sanitario de protección, “a centralización das compras non está dando bos resultados”, recalcou, por iso debe implicarse na busca de material en tres ámbitos: activar as compras a nivel internacional, localizar empresas que teñan equipamento de protección pola súa actividade ordinaria para poñelo a disposición da Xunta e activar un plan urxente para autoabastecemento de máscaras, batas, gafas, test ou respiradores.
“Hai capacidade no país para poder facelo tanto por parte das empresas como das universidades pero o Goberno galego ten que liderar esta iniciativa clave para xestionar con éxito esta crise”, alegou.
En materia sanitaria, o BNG insiste en demandar o peche dos territorios cunha afectación máis virulenta e blindar as zonas menos afectadas, “noutras palabras: pechar Madrid e blindar Galiza”, indicou Pontón. Tamén a realización masiva de test sobre todo entre o persoal que traballa en servizos esenciais, en particular o sanitario, pero tamén entre os colectivos máis vulnerables como as persoas maiores, prevención que, á vista do tráxico desenlace do falecemento dunha embarazada, debería tamén trasladarse a todas as mulleres grávidas se así o solicitan e nese sentido debería articularse algún protocolo por parte da Xunta.
Igualmente, o Bloque propón garantir os equipos de protección a todas as persoas que están na primeira liña de combate contra o coronavirus, preparar infraestruturas sanitarias anticipándose a unha posible saturación do sistema público de saúde, -“se o peor está por vir, como repite Feixóo, preparémonos”-, e un plan de choque nas residencias de maiores, onde a situación é tan crítica que require unha explicación do Goberno e por iso, o Bloque solicita a comparecencia da conselleira de Política Social na Deputación Permanente do Parlamento.
Implicación da sanidade privada
No aspecto sanitario a líder nacionalista tamén fixo fincapé na necesidade de garantir a implicación da sanidade privada, asegurando que non se produza infrautilización de material ou instalacións nin despedimentos; contratos con todas as garantías para o persoal de reforzo e trato igualitario na sanidade para estranxeiros e inmigrantes irregulares durante a crise, como xa fixo Portugal.
En relación as repercusións da pandemia sobre a economía, o BNG pediu unha actuación decidida do Estado e da Xunta para preservar o tecido empresarial, o emprego e os dereitos laborais e sociais, de novo instando a Feixóo “a liderar unha resposta galega” ante a falta de “medidas de calado”. Neste sentido, Pontón avanzou novas propostas por parte da formación nacionalista con tres medidas concretas.
Autoestradas tanto autonómicas como estatais libres de peaxes mentres dure o estado de alarma e a emerxencia sanitaria, “só na última década AUDASA gañou máis de 500 M€ polo que resulta indecente que pretenda recibir compensacións públicas para seguir facendo caixa mesmo no medio dunha pandemia”, alegou. Reclamar a devolución dos 60.000 M€ do rescate bancario para axudar a combater os efectos desta crise e suprimir burocracia para axilizar a tramitación de todas as axudas e de acceso ás liñas de crédito aprobadas, “non podemos converter estas axudas nun calvario”, indicou.
Pontón volveu trasladar todo o apoio e afecto ás persoas que perderon algún ser querido e ás que loitan para recuperar a saúde, así como todo o recoñecemento e solidariedade coas persoas que traballar en servizos esenciais, mesmo arriscando a súa seguridade, en beneficio da maioría. E tamén enviou “palabras de alento” ao conxunto da sociedade galega porque “quedan días moi duros pero este pobo vai seguir mostrando toda a súa capacidade de superación desde a solidariedade, desde a colaboración, desde a unidade para facerlle fronte a crise e conseguir que ninguén se sinta só no medio da tempestade”, concluíu.