Compostela, 27 de marzo. O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, urxíu hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a que adopte xa todas as medidas precisas para evitar o colapso das residencias de maiores, procedendo á intevención e medicalización dos centros para garantir que as persoas afectadas a reciben os coidados axeitados coa proteción necesaria para eles e o persoal que os atende.
Gómez Reino lembrou a necesidade de dotar aos centros de todo o material de protección preciso e os medios humanos e técnicos necesarios, unha petición reiterada ao Executivo galego que aínda non tivo cumprida resposta ante a gravedade da situación e o incremento de persoas maiores e coidadores afectados en distintas residencias do país.
“Levamos xa días reclamándolle e urxindo a Núñez Feijóo a que actúe sen demora nas residencias da terceira idade, que están a ser focos importantes de contaxio entre usuarias e coidadores, sen afondar no sufrimento e anguria de moitas familias galegas afastadas das súas avoas e avós”, insistíu.
“Ademais do caso da residencia de Celanova e dos centros privados da empresa Domus VI en Vigo, Cangas, Santiago e Carballo, temos constancia doutros en Ourense e A Coruña e novas denuncias en centros en Castro Caldelas, O Barco de Valdeorras, Fisterra e Viveiro. E a lista vai medrando”, afirmou.
Gómez Reino tamén reiterou a necesidade de poñer inmediatamente todos os recursos da sanidade privada a disposición da loita contra a epidemia, tal e como faculta o Estado de Alarma, nunha petición que a coalición plantexou onte a Feijóo na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, nunha petición da coalición que onte plantexou Antón Sánchez na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia.”
Galicia en Común-Anova-Mareas considera que a saúde e os coidados deben ser un servizo público, e cuestiona o modelo de privatizacións e recortes aplicado durante os gobernos sucesivos do Partido Popular en Galicia, que permitiron facer negocio coa prestación de servicios básicos esenciais.
O público, tantas veces erosionado e detraído, é a primeira liña de batalla no presente e a garantía dun futuro colectivo no que ningúen fique atrás.