SANTIAGO .- A Xunta asegura que en Galicia hai “boa competencia lingüística nas dúas linguas oficiais”. Interpretando datos do Instituto Galego de Estatística desprendese que o 82,9 por cen da poboación escribe habitualmente en castelán e o 43,6 por cen fala máis castelá que galego ou non fala sempre en galego.
O galego é a lingua de maior uso social en Galicia, segundo se desprende da “enquisa de condicións de vida das familias”
Os datos do Instituto Galego de Estatística indican que o 56,4% da poboación fala maioritariamente en lingua galega
Tamén se constata unha alta competencia nos dous idiomas oficiais de Galicia
O principal reto para a lingua galega atópase nas novas xeracións, onde se rexistra que o 39,6% fala maioritariamente en galego
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2010.- O galego é a lingua de maior uso social en Galicia, segundo se desprende dos datos que vén de facer públicos o Instituto Galego de Estatística (IGE) a través da Enquisa de condicións de vida das familias. Coñecemento e uso do galego. Segundo este estudo, o 56,4% da poboación maior de 5 anos fala sempre en galego ou máis galego ca castelán. Os que falan sempre en galego constitúen o 30% da poboación.
Xunto con este maior uso social do galego, os datos do IGE constatan un incremento da tendencia ao uso das dúas linguas oficiais de Galicia nos diferentes contextos sociais. Deste xeito, nas enquisas anteriores, as opcións monolingües estaban máis estendidas, mentres que os datos de 2008 mostran a tendencia ao aumento do número de individuos que fan uso habitual das dúas linguas, que constitúen o 46,5% da poboación, fronte ao 36,9% resultado en 2003.
Con todo, diminúen máis as cifras de monolingües en galego ca as de monolingües en castelán. Así, os monolingües en galego pasaron dun 43% a un 30%, pero os bilingües que falan máis habitualmente en galego ca en castelán incrementáronse dun 18.2% a un 26.4%. Esta tendencia afiánzase ao facer a análise por idades: o 55.6% dos individuos de entre 5 e 29 anos declaran empregar habitualmente as dúas linguas; os maiores de 50 anos falan habitualmente nas dúas nunha porcentaxe de 42.5%.
Boa competencia lingüística nas dúas linguas oficiais
No que respecta á competencia lingüística da poboación, os datos do IGE apuntan uns resultados moi positivos de coñecemento dos dous idiomas. No caso do galego, o 94.8% da poboación declara que entende moito ou bastante esta lingua. Ademais, o 89,1% declaran que saben falar moito ou bastante esta lingua. En canto á competencia escrita, existe un aumento dos que declaran saber escribir moito ou bastante en galego. Pásase do 52,94% rexistrado en 2003 ao 54,84% en 2008.
No tocante á lingua habitual de escritura, produciuse un lixeiro incremento na porcentaxe de galegos que habitualmente escriben en galego, pasando dun 14,5% en 2003 a un 15% en 2008. Con todo, o castelán segue a ser a lingua habitualmente empregada na escrita: o 82,9% escriben habitualmente en castelán.
O galego mantense como lingua habitual nas relacións persoais e afectivas
Outros aspectos destacables nos usos lingüísticos globais da poboación son que o galego se mantén como lingua habitual nas relacións persoais e afectivas, o que constitúe un aspecto moi importante para asegurar a fidelidade á lingua galega e, polo tanto, a continuidade no seu uso. Isto tradúcese en que a lingua maioritaria de relación cos amigos e mais cos fillos é o galego. As cifras que se rexistran nestes ámbitos son o 56,2% e o 57,9%, respectivamente.
No que respecta ao ámbito sociolaboral, o galego é a lingua maioritaria nas relacións interpersoais, o que se pode traducir nunha oportunidade para a extensión do galego no ámbito empresarial nos usos formais e corporativos. Deste xeito, o 52,4% das persoas falan sempre en galego ou máis galego ca castelán cos seus compañeiros de traballo, mentres que o 48,3% usa sempre esta lingua ou habitualmente máis ca o castelán cando fala cos clientes.
As franxas de idade máis novas, un reto para o galego
Un dos principais retos para a lingua galega atópase no uso que fan desta lingua os máis novos. Mentres que a franxa de poboación que máis usa o galego é a de máis idade, os máis novos adoitan falar máis castelán. Deste xeito, o 39,6% dos galegos entre 5 e 29 anos falan sempre galego ou máis galego ca castelán, fronte ao 60,4% que utiliza sempre ou máis o castelán. Mentres, a porcentaxe de poboación maior de 65 anos que utiliza sempre ou máis o galego ascende ao 78,5%.
Estes últimos datos apuntan a necesidade dunha actuación planificada nas idades máis novas que, tendo boa competencia en lingua galega, se expresan con máis frecuencia en castelán.