A Mariña, 26 de marzo, 2020. O Sindicato Labrego Galego vén de instar aos concellos de Muras, Xermade e Vilalba para que rexeiten a reorganización da atención sanitaria da comarca que pretende facer o Sergas, pechando os ambulatorios dos dous primeiros concellos para centralizar todos os servizos sanitarios no Punto de Atención Continuada (PAC) da capital chairega. Segundo puidemos saber polos medios de comunicación e por persoal sanitario, a intención do Sergas é aplicar esta medida tamén noutras comarcas lucenses como A Mariña.
Pedimos este rexeitamento porque aínda non hai ningunha directriz definitiva ao respecto, tal e como asegurou o propio Sergas ao aclarar que “non hai ningunha decisión tomada sobre a centralización da Atención Primaria en determinados centros de saúde aínda que traballa nun plan de continxencia”.
Porén, á vista das críticas realizadas por colectivos que defenden a sanidade pública como a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) ou SOS Sanidade Pública, dende o Sindicato Labrego Galego manifestámonos en contra do peche de ambulatorios rurais para concentrar a atención primaria en puntos de atención continuada.
Agamfec, por exemplo, aconsella que os e as pacientes sexan avaliad@s por persoal de atención primaria para discriminar quen pode seguir recibindo seguimento médico no seu domicilio dende os seus centros de saúde e quen ten que ser derivado a hospitais. Mesmo din que gañaría en axilidade se a xestión da pandemia se en vez de centralizar as consultas telefónicas nun só número, estas se fixesen directamente no ambulatorio de cada localidade; do mesmo xeito que a realización das probas diagnósticas do Covid-19. Neste senso, Agamfec conclúe dicindo que “a organización do noso sistema sanitario cunha atención primaria poderosa é, probablemente, o mellor deseño para dar resposta a esta pandemia. Os hospitais non só precisan máis recursos, senón que acadan a súa máxima eficiencia cando unicamente chegan aqueles pacientes que os precisan. Por este motivo, faise imprescindible que previamente teñan sido avaliados polos profesionais de atención primaria e atención continuada”.
Pola súa banda, SOS Sanidade Pública abonda no mesmo ao considerar necesario “manter modelo de Equipos de Atención Primaria que garanta unha atención continuada próxima e accesible a todas as persoas, contemplar as dificultades e os perigos dos desprazamentos nestes momentos e que as medidas sexan totalmente reversibles”.
Por todo o devandito, dende o SLG pedimos que se reforce a atención primaria pola súa proximidade e coñecemento profundo das zonas rurais nas que traballa e para facilitar a asistencia a persoas que, por calquera motivo -idade, distancia, carecer de medios de locomoción, etc- lles resulte dificultoso acudir aos puntos de atención continuada da súa comarca. Tamén pedimos a todos os alcaldes e alcaldesas da comarca que rexeiten calquera proposta ou pretensión do Sergas de pechar centros médicos rurais nos seus municipios.