Lugo, 27 de marzo de 2020.- Os profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF) proseguen hoxe coas labores de desinfección dos exteriores das residencias de maiores, das de discapacitados e dos centros de saúde de municipios da provincia de Lugo con menos de 5.000 habitantes.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que nesta xornada están previstas actuacións en sete concellos da Mariña. En concreto, os efectivos desprazaranse aos centros de saúde de Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, Lourenzá, A Pontenova e Trabada. Neste último concello tamén traballarán na área da residencia para persoas maiores do municipio.
Balseiro lembrou que os profesionais do SPDCIF están a levar a cabo nestes días este tipo de tarefas de limpeza de xeito extraordinario, por mor da situación de emerxencia orixinada polo coronavirus. Segundo apuntou, as áreas de actuación correspóndense con lugares especialmente concorridos dos concellos rurais, nos que se concentran persoas que forman parte de colectivos de especial risco (persoas maiores, persoal sanitario… etc).
Os efectivos que realizan estes traballos contan coa debida formación e con todo o material de protección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias. Tamén dispoñen da maquinaria e dos produtos precisos para efectuar as desinfeccións.
En todo caso, a Xunta salienta que a función principal deste corpo seguirá a ser a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar, unha cuestión que está garantida.