Viveiro, 22 de marzo, 2020. A Concelleira-Portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Viveiro, Míriam Bermúdez, solicitará este luns ao goberno local do PSOE a creación dunha mesa técnico-política debido á grave crise sanitaria e económica que está a provocar a expansión do Covid-19 por todo o territorio do estado español fai necesario que o Concello de Viveiro, ademais de esforzarse en adoptar todas as medidas sanitarias e de seguridade necesarias para minimizar o risco do contaxio da súa veciñanza, sume esforzos co tecido produtivo e social de Viveiro co obxectivo de anticiparse e paliar, na medida do posible, os efectos do impacto económico que xa está a arrastrar a pandemia, protexendo o tecido empresarial e a veciñanza de Viveiro con medidas que garantan o mantemento do sector produtivo e as economías familiares d@s viveirenses, para unha vez superada a crise sanitaria, as medidas que se adopten consensuadamente faciliten o relanzamento da economía municipal.
Os últimos días estamos vendo a través das redes e medios de comunicación que desde diferentes sectores (hostalería, comercio, turismo…) comezan a demandandar publicamente axuda e colaboración ao goberno municipal para frear na medida do posible o forte impacto económico que van sufrir os seus negocios, ao tempo que lemos que diferentes empresas viveirenses ofrecen axuda as persoas máis desfavorecidas e sectores máis castigados por esta situación de emerxencia que estamos a vivir.
Desde o BNG entendemos que o tempo de resposta é vital para atallar con éxito calquera crise, e aínda sendo conscientes das dificultades e restriccións económicas polas que atravesa o concello cremos que o concello de Viveiro debe facer un sobre esforzo para atopar solucións alternativas e complementarias ás adoptadas polo goberno do estado co obxecto de facilitarlles ás empresas e familias de Viveiro a maior liquidez posible para afrontar o futuro máis inmediato e axudar así ao mantemento do tecido produtivo do municipio.
Por todo o anteriormente exposto, o BNG SOLICITA ao goberno municipal do Concello de Viveiro:
1.Creación dunha Comisión Técnica Pública-Privada (composta polos técnic@s responsables das áreas de Facenda, Intervención, Tesourería e Secretaría do concello, Portavoces da corporación e Representantes sectores produtivos afectados) para plantexar, estudar e propoñer as medidas de orde económico, fiscal e social que se estimen precisas para afrontar as consecuencias da crise sanitaria e minimizar ao máximo os efectos negativos que sobre a economía local, as empresas, o comercio, autónomos, profesionais e o emprego se están producindo e se prevén que se produzan.
2.Adopción inmediata de medidas económicas especiais para paliar a economía das veciñanza e dos proveedores do concello, facilitando a súa liquidez durante os vindeiros meses a través de medidas como a ampliación de oficio do prazo voluntario de pago de impostos, tales como o IVTM e IBI, axilizar o pagamento a proveedores e priorizar a tramitación de expedentes que conleven cobro de axudas ou débedas pendentes de pago por parte do concello.
3.Posta en marcha dunha Mesa de Coordinación Municipal dos ofrecementos de axuda do sector privado coas necesidades que ten o concello e a veciñanza máis afectada pola crise sanitaria.
Esta proposta de creación da mesa consideramos que ten a prioridade que na medida do posible os principais asuntos de urxencia do concello o permitan.
Polo que a súa creación queda supeditada a cando a atención ás cuestións de urxencia o permitan, mais consideramos que debe terse en conta de cara a unha toma de decisións que permita un avance na xestión posterior.