Compostela, 21 de marzo. Galicia en Común-Anova Mareas demanda lealdade institucional e a urxencia de mobilizar todos os medios precisos na emerxencia sanitaria e económica da loita contra a pandemia do Covid-19 no país.
O candidato da coalición, Antón Gómez-Reino, urxirá mañá a Alberto Núñez Feijóo a tomar medidas mais contundentes e determinadas no reforzo e na asistencia nas residencias de maiores, nos centros de día e de atención as persoas dependentes, colecñtivos de risco que precisan dunha acción decicida e inmediata da Xunta. Así llo trasladará mañá nunha nova xuntanza telemática que manterán este domingo 22 as 17 horas todas as candidatas e candidatos das forzas políticas galegas.
Máis aló do consenso acadado para adiar as eleccións autonómicas do 5 de abril, Galicia en Común instará a todos os partidos a a manter “unha posición de país, con rigor e lealdade ante o maior reto ao que se ten enfrentado a sociedade galega na súa historia recente”.
“Non cabe falar de lealdade ao Goberno do Estado e procurar réditos políticos para eludir a súa responsabilidade na dotación de medios humanos e materiais para o reforzo do sistema sanitario”, dixo. Gómez Reino recordou que baixo sucesivos gobernos do Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo executouse unha estratexia política enfocada a desmontaxe da sanidade púiblica.
O candidato e voceiro de Galicia en Común lembrou as denuncias reiteradas dos profesionais sanitarios, que levan anos advertindo do peche de instalacións -nunha década suprimiuse case o 10% das camas hospitalarias-, do acelerado proceso de privatizacións e deriva de pacientes a hospitais privados, e da depauperación das condicións laborais, que fixeron que miles de traballadoras vivan sometidas a contratacións precarias por días e incluso por horas. “Un decenio de ataques á sanidade pública non se poden agora maquillar coa maquinaria propagandística de Feijóo”, sinalou.
Gómez-Reino lembraba que hai dez días, as candidatas da coalición advertiron en Compostela da urxencia de reforzar, desde a Xunta, equipos humanos e materiais. No concreto, Eva Solla alertaba das graves eivas de persoal da Consellería de Política Social en residencias de maiores e persoas dependentes e Martiño Noriega urxíu máis dotación humana e técnica para a atención telefónica e do teléfono de emerxencias 061, así como para os puntos de atención continuada a medios na Primaria
“Precisamente, hai semanas interpelabamos no Parlamento galego ao conselleiro de Sanidade pola falta de medios ante a propia gripe estacional e pedindo a equipación das camas que o Sergas mantiña pechadas nos centros hospitalarios para illamento e contención. A Xunta non se pode esquecer dos maiores e dependentes. Cómpre reforzo, información e protocolización”, dixo Solla o 12 de marzo.
Por último, Gómez Reino quixo trasladar “unha mensaxe agradecida de recoñecemento ao inmenso esforzo cívico que está a facer a cidadanía galega, un esforzo individual para un ben colectivo. Polo ben común, pola saúde e a vida”.
Asi mesmo, desde Galicia en Común-Anova Mareas trasladamos “unha mensaxe de solidariedade, agarimo e profunda admiración aos profesionais da sanidade pública, aos servizos de emerxencia e seguridade, ao persoal de toda a cadea de producción e distribución alimentaria e aos pequenos comercios de barrio que seguen a traballar polo ben de todas”. “Son elas aos que aplaudimos cada tarde noite desde as nosas ventanas, para homenaxear o seu compromiso co común”.